A pasividade do alcalde e da Xunta conducen a Feira do Moble ao desastre


WhatsApp Image 2017-09-25 at 23.09.34

Feira do Moble de 2017

A feira perde o 80% de expositores en 10 anos

Xosé Magariños: “José López pasará á historia como o enterrador da Feira do Moble de Galicia se non toma medidas urxentes e drásticas”

O portavoz do BNG da Estrada, Xosé Magariños, compareceu hoxe en rolda de prensa para facer unha valoración da Feira do Moble, que pechou o pasado domingo a edición de 2017.

Para o BNG “a Feira do Moble de 2017 foi un desastre, pero o peor é que leva anos sendo un desastre e o único responsábel deste declive é o alcalde da Estrada e o Partido Popular”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“En 10 anos a Feira do Moble da Estrada perdeu o 80% dos expositores”, explicou, “na edición de 2007 había 250 expositores e este ano con 50”, engadiu Magariños, “os números cantan claro e indican que ou se toman medidas drásticas para frear este desastre ou vexo moi difícil que en 2018 haxa unha nova edición da Feira”.

“Pero a Feira do Moble non só foi un desastre en termos absolutos”, afirmou, “senón que dos 50 expositores que este ano se atreveron a montar un posto nesta edición, só catro eran do sector do moble da Estrada e un deles estaba na feira para liquidar o stock antes da xubilación, todo un síntoma de como está o sector no noso concello.” “Unha situación”, engadiu Magariños, “que ten no PP da Xunta e do concello aos seus máximos responsábeis, xa que levan levan desde 2009 sen facer nada polo sector, e a única aposta que había, a Cidade do Moble, leva anos enterrada en San Caetano durmindo o soño dos xustos mentes o sector agoniza por falta de investimentos e apoios públicos.”

Xosé Magariños acusou ao alcalde de falta de diálogo co sector. “O sector do moble da Estrada cambiou radicalmente nos últimos 10 anos, pero o alcalde da Estrada aínda sigue polo conto da vella e acabará por enterrar unha feira que era a referencia obrigada de todo o sector do moble de Galiza”, afirmou o concelleiro do BNG.

O concelleiro nacionalista instou ao alcalde “a tomar medidas urxentes e drásticas, un traballo no que ten que implicar á Xunta de Galiza do Partido Popular, porque, temos que recordar, que o Fundación de Exposicións e Congresos que organiza á feira está presidida polo conselleiro de industria.”