O alcalde non pode botar balóns fóra e derivar no sector do moble a continuidade da Feira e da Fundación


Alfonso Rueda, o alcalde e Nemesio Rey. Foto: Xunta.es

Nemesio Rey cobra do concello por ser o xerente da Fundación de Exposicións, así o afirmou o alcalde na sesión plenaria do 18 de xuño de 2015, data na que se aprobou a súa dedicación exclusiva parcial

As palabras do alcalde que publican hoxe os medios de comunicación local sobre a situación da Fundación de Exposición e Congresos e a Feira do Moble son absolutamente indignas de quen ostenta o cargo. Derivar no sector do moble a responsabilidade da continuación da Feira do Moble e da Fundación é miserable e covarde politicamente.

Temos que recordar que esta entidade está presidida polo conselleiro de industria, Francisco José Conde López, e o alcalde é a súa man dereita, que fixo e desfixo na Fundación ao seu antollo, nomeando xerente a un dos seus concelleiros. Neste sentido, tamén temos que recordar que Nemesio Rey, nomeado a dedo polo alcalde, cobra 29.000 euros brutos por parte do concello, e non só o fai en concepto da súa responsabilidade como concelleiro de eventos e mercados, faino tamén en concepto de xerente da Fundación, tal e como o dixo o propio alcalde no pleno do 18 de xuño de 2015 en resposta á pregunta do noso concelleiro, Xosé Magariños. Na acta deste pleno (páxinas 22 e 23) poden lerse as afirmacións do alcalde onde indica claramente que “asumindo o concello esa responsabilidade (o custe da xerencia) … como sinal de apoio á propia Fundación”, deixando claro que Nemesio cobra do concello por ser xerente da Fundación.

Unha de dúas: ou mentiu o 18 de xuño de 2015 ou minte agora, pero o que está claro é que o alcalde minte para botar balóns fóra pola desfeita da Feira do Moble.

Do que se deduce das declaracións do alcalde é que non ten nin idea de que facer co sector do moble e coa Fundación, e o que é máis grave, o que demostra unha vez máis que non ten proxecto para A Estrada, deixando o futuro da Estrada en intereses privados (proxecto Mercadona) e en consultoras que o único que veñen a facer é a saquear o erario público (EDUSI).

Por outra parte, desde o BNG estamos dispostos a aportar o noso gran de area para superar esta situación crítica que vive a Fundación e a Feira. Mais quen ten que coller o volante deste tren que camiña cara o desastre é o PP a través da Xunta e o concello, son os que dirixen a Fundación de Exposicións e Congresos, un ente onde o BNG nin sequera ten representantes, a pesar de reclamar reiteradamente que todos os partidos políticos deberían ter un sitio para fiscalizar o traballo e para aportar propostas futuro.

Neste sentido, os veciños e veciñas da Estrada queren saber cal é a proposta do PP para reflotar a Feira, a Fundación e o sector do moble, que vaia máis alá de nomear un xerente da súa confianza. A situación crítica desta entidade demostra que a estratexia do PP falla por todas partes.