Os orzamentos da Xunta amosan unha vez máis a irrelevancia política do alcalde da Estrada


A Xunta do PP esquece unha vez máis os sectores produtivos do concello: a industria da madeira e o sector agro-gandeiro e forestal

Un ano máis A Estrada non conta para os orzamentos que elabora o Partido Popular na Xunta de Galiza, deixando en evidencia a un alcalde que non ten peso algún no seo deste partido, e que non é quen de defender os intereses do noso concello. Para o BNG da Estrada demóstrase unha vez máis que López é irrelevante para o Partido Popular.

Por outra parte, os orzamentos do PP poñen de manifesto a estratexia suicida, pero perfectamente calculada desde San Caetano, para deixar esmorecer os nosos sectores produtivos. Un ano máis a Cidade do Moble seguirá no caixón de Feijóo, mentres unha gran empresa do sector da madeira ten que ampliar as súas instalacións no aparcadoiro, porque non hai terreo público asequíbel dispoñibel.

Tampouco hai investimentos para o sector primario nin para o forestal, a pesar de estar atravesando unha profunda crise, que fai máis necesario que nunca un cambio de rumbo para poñer o rural a producir e poñelo en valor como único xeito de frear o abandono e os incendios forestais. Dicía o presidente da Xunta que este 2017 ía ser o ano do rural, non o foi e tampouco o será 2018 , botando abaixo a propaganda do PP, que non resiste o máis mínimo confronto coa realidade.

A única partida de certa envergadura é a da autovía Santiago-A Estrada, unha infraestruturas que desde o BNG poñemos en dúbida a súa utilidade. Sen embargo, unha cousa é clara: os 2.000.000 de euros só lle servirán ao PP para facer propaganda, pero non para construír os algo máis de 11 quilómetros que restan para completar o deseño feito pola Xunta, cuxo custe de construción é 20 veces superior ao orzamentado para 2018.