Este xoves apróbase no consello da Xunta a declaración BIC de Pontevea


pontevea2A declaración BIC partíu dunha iniciativa do BNG de Teo e da Estrada

O 28 de febreiro de 2015 o BNG de Teo e da Estrada poñían en marcha unha iniciativa para declarar a ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural. Esta iniciativa materializada nunha moción do BNG que se debateu e aprobou por unanimidade nos dous concellos, tamén tivo a súa continuidade no Parlamento Galego cunha iniciativa defendida pola actual voceira da organización nacionalista, Ana Pontón, e que poñía en marcha a maquinaria da administración galega para facer realidade os mandato dos concellos de Teo e da Estrada.

Con todo, e á marxe das iniciativas de carácter institucional o BNG de ambos os dous concellos tamén tamén mantivo o pulso a pé de ponte con actos de carácter reivindicativo para manter viva a demanda social existente en Teo e na Estrada para coidar e revitalizar este monumento que une ambos os dous concellos.

Desde o BNG de Teo e da Estrada saúdamos que, por fin, a Xunta tome medidas sobre este patrimonio que é de todas as galegas e galegos, xa que este xoves nove de novembro o Consello da Xunta declarará BIC a ponte medieval de Pontevea. Agardamos que esta declaración non quede só niso, -nunha declaración-, e vaia máis alá do papel para poñer en valor un monumento que foi testemuña de acontecementos históricos moi relevantes, non só para o noso pobo, senón tamén para a Historia. É un monumento que forma parte da nosa herdanza, e temos a obriga de coidala e preservala para as xeracións futuras, do mesmo xeito que os nosos antergos nola legaron a nós. Representa parte da nosa riqueza material e patrimonial e reforza a nosa autoestima cultural, polo tanto o seu deterioro é o noso empobrecemento e agardamos que a declaración BIC poñan fin ao deterioro e ao esquecemento da Ponte por parte da administración galega máis tamén dos concellos de Teo e da Estrada.

Advertisements