É un despropósito poñer as atraccións do Nadal quitando espazo á feira do mércores


17042206529_246d01ffdb_kDesde o BNG da Estrada consideramos un despropósito a intención do goberno local de ubicar as atraccións do Nadal no Campo da Feira, restando espazo aos postos dos feirantes. É incomprensíbel o empeño do PP por matar a feira do mércores, que dinamiza a economía local, desde o comercio até a hostelaría, precisamente no nadal, nun dos momentos do ano máis importantes na actividade comercial da Estrada.

Se a intención do goberno de José López é matar a feira do mércores, afogando de paso a comerciantes e hostaleiros, ese é o camiño. Se o alcalde aposta pola economía local, onde a feira ten unha importancia capital desde hai séculos, buscaría unha ubicación distinta ao Campo da Feira para os postos de atracción do Nadal, que pode ser unha alternativa para o lecer dos máis cativos, mais tamén positivo para o comercio local.

Por outra parte, desde o BNG da Estrada vemos con preocupación o escaso desenvolvemento do PXOM por parte do goberno municipal. Desenvolvelo permitiría ter un espazo para este tipo de atraccións sen ter que restar espazo á feira do mércores, cuxa ubicación, mesmo nos días das festas patronais, causa graves trastornos aos veciños e veciñas que viven no Campo da Feira e nas rúa anexas.