O PP ten secuestrados os espazos públicos municipais


 

Teatro PrincipalO BNG rexistra unha moción para liberar o Teatro Principal e o MOME para a celebración de actos políticos fóra do período electoral

O goberno municipal do PP prohibe a celebración de actos políticos no Teatro Principal e no MOME, o que impide aos partidos da oposición a celebración de actos e encontros cos veciños e veciñas da Estrada para tratar diversos asuntos da actualidade política, como aconteceu recentemente nun acto organizado polo BNG, que tivo que recorrer a un espazo privado para a celelebración deste encontro cos veciños e veciñas.

Desde o BNG entendemos que este modo de proceder do PP non é propio nunha democracia e vemos con preocupación como o PP da Estrada está imitando as actitudes censoras que este partido está a efectuar desde outras latitudes como pode ser a Xunta de Galiza ou o Goberno Central.

Neste sentido, desde o BNG da Estrada vimos de rexistrar a través do noso portavoz municipal, Xosé Magariños, unha moción para liberar os espazos públicos municipais para a celebración de actos políticos de carácter público que queiran organizar os partidos políticos, actos que, obviamente, terán que adaptarse á programación cultural organizada polo concello neses espazos.

Desde o BNG entendemos que a acción de goberno municipal baséase, por un lado na adopción de decisións políticas derivadas do contraste de plantexamentos das distintas forzas que conforman a dinámica municipal, ben desde a maioría que goberna, ben desde a oposición que controla e contribúe a esa acción de goberno, e por outra banda, na materialiación desas decisións políticas a través da xestión nos distintos ámbitos que afectan directamente ás veciñas e veciños.

Ambos os dous piares da acción de goberno non poden ser alleos aos aportes e mesmo veredictos da veciñanza. Tanto é así, que o traballo de oposición é unha actividade política xenuinamente relacionada cos veciños e veciñas e coa visión e reflexión que lle merece a xestión do goberno, ben por acción e tamén ás veces por omisión.

Para que esa dinámica, imprescindíbel en democracia, non tropece con limitacións que supoñan desigualdades no dereito á información e ó debate público dos representados na institución municipal, cómpre que o goberno sexa garante de que todas as forzas políticas dispoñan das máximas facilidades para poder comunicarse cos veciños e veciñas, ben para facerlle chegar as súas mensaxes ou para promover debates a respecto dos asuntos que inciden na cousa pública.

Hoxe en día estas condicións non se cumpren, e polo tanto desde o BNG como desde outras organizacións políticas teñen que recorrer a espazos privados, unha situación inadmisíbel en calquera democracia que non teña medo ao confronto de ideas.

Advertisements