No BNG da Estrada atendemos as nosas responsabilidades políticas, o que non atendemos son os paripés do PP


edusiA demostración palpábel de que no EDUSI da Estrada non se atende a participación social de entidades e organizacións é que a día de hoxe ninguén, agás o PP, sabe que proxectos ten presentado o noso concello a esta convocatoria de fondos europeos, exceptuando, claro está, aquelas referencias que cada certo tempo aparecen nos medios de comunicación como a ampliación da Alameda con cargo a estes fondos.

Mais non só iso, na web do proxecto AESS 2020 teñen un apartado de “participación”, no que, a parte de invitar aos veciños e veciñas a suxerir actuacións, afirma textualmente que se se publicará “un resumo das contribucións máis relevantes”. Sen embargo, a día de hoxe na web non hai nada. Os veciños e veciñas da Estrada, así como entidades e organizacións que presentaron proxectos, entre elas o BNG, non teñen información de cal é o estado das súas propostas. Non sabemos cales son as máis relevantes nin as que se descartaron, e o que é peor, non se sabe quen avalía a relevancia deses proxectos e con que criterios. Se realmente o EDUSI valorara a participación e a transparencia, o concello da Estrada tería un cero monumental, sería o farolillo vermello de “España” como lle gusta dicir ao alcalde.

Por outra parte, desde o BNG non fuximos das nosas responsabilidades. O BNG presentou en tempo e forma as súas 45 propostas ao AESS 2020 e 11 meses despois non sabemos nada, mentres se anuncian algunha actuación a través dos medios, que desde logo non coincide co que nós consideramos prioritario para A Estrada nestes momentos. A participación social do AESS 2020 é un escuro paripé que lle permite ao goberno do PP meter pola porta de atrás as súas propostas que non se atreveu anunciar e publicar como fixo o BNG no seu momento e que hoxe están á vista na nosa web. O BNG, como xa dixemos na rolda de prensa do pasado luns, non fuxe das responsabilidades, pero tampouco participamos de paripés.

Cada día menos aparcadoiros públicos
Unha das 45 propostas do BNG ao AESS 2020 é a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie, algo moi necesario dada a actividade comercial que se desenvolve na vila e algo palpábel calquera día da semana, especialmente os mércores e sábados, días nos que a actividade comercial na vila é máis alta.

Ter máis prazas de aparcadoiro é unha necesidade, e temos que recordar, que esta mesma reclamación fixérona recentemente desde a ACE, o que demostra que non é un capricho dos do Bloque, é algo imprescindíbel para o desenvolvemento económico do concello.

Sen embargo, hoxe coñecemos polos medios de comunicación que o aparcadoiro da Avenida de América perderá parte da súa extensión por mor da licenza de construción que o goberno acaba de outorgar no solar onde está ubicado. É dicir, que en poucas semanas os veciños e veciñas atoparanse con menos prazas para aparcar gratuitamente, pero a prioridade do grupo municipal do PP é ampliar á Alameda, e o que é peor, non ten unha alternativa enriba da mesa para atallar o problema dos aparcadoiros que vai ser palpábel en poucas semanas.

Mais non só temos problemas cos aparcadoiros públicos, reiteradamente os veciños e veciñas da vila sofren cortes de auga, e o peor é que non hai perspectivas de que este problema se arranxe definitivamente. Un problema que encaixa perfectamente dentro da propaganda do EDUSI de concellos sociais e sustentábeis, mais a día de hoxe isto para o goberno municipal do PP tampouco é unha prioridade. É dicir, que dilapidaremos cinco ou seis millóns de euros e non se sabe que proxectos e actuacións que só coñece o alcalde, pero en 2020 teremos menos prazas de aparcadoiro público e seguiremos cos cortes de auga.