Continúa o saqueo do centro ictioxénico mentres concello e Xunta miran para outro lado


Este centro tivo un custe de 600.000 € pero hoxe mora nunha silveira e é pasto dos saqueadores

O centro ictioxénico situado entre as parroquias de Couso e Cora, ao pé do río Ulla, e que debía servir para repoboar os nosos ríos de troita e salmón, é pasto dos amigos do alleo. Unha recente visita de militantes do BNG ao centro pon en evidencia como se está desmantelando pouco a pouco un espazo que en 2005 tivo un custe de 600.000 €. O abandono e a pasividade das distintas administracións, tanto Xunta como Concello, facilitan e permiten o roubo e o saqueo deste centro.

As fotografías son desoladoras: cadros eléctricos desmantelados, portas arrancadas e preparadas para que as leven os amigos do alleo, a cancela do recinto desaparecida,… debuxa un panorama apocalíptico mentres o alcalde da Estrada desenténdese completamente deste recinto, a pesar de que en 2010, cando era deputado no Parlamento Galego, presentou unha iniciativa para a posta en funcionamento do centro ictioxénico. Mais a día de hoxe o único ao que agarda é a unha resposta da Consellaría de Medio Ambiente, resposta que a día de hoxe aínda non se escoitou por ningures, mostra de que na Xunta tampouco saben que facer co centro.

É lamentábel que un concello que presume ser un referente de todo o relacionado co salmón, teña un centro deste tipo completamente abandonado, imprescindíbel para recuperar a pesca do salmón no Ulla.

Desde o BNG da Estrada instamos ao alcalde a tomar medidas para evitar que o desmantelamento do centro ictioxénico vaia a máis e faga máis custoso a súa posta en marcha. E en segundo lugar, instamos ao concello a clarificar publicamente se está pola labor de poñer en marcha este centro, que leva doce anos no medio dunha silveira.