O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta 2018 para reactivar o sectores produtivos e recuperar o patrimonio


O BNG da Estrada presenta emendas aos orzamentos da Xunta de 2018 para a posta en marcha do centro de día (200.000 €) e da concentración parcelaria de Souto (600.000 €), para a mellora do acceso ao centro médico do Souto de Vea (50.000 €) e para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei (600.000 €). Estas emendas amosan a clara aposta do BNG polos sectores produtivos, o patrimonio e por mellorar e acrecentar os servizos públicos no concello da Estrada.

Por outra parte, estas emendas aos orzamentos da Xunta de 2018 tamén contemplan un Plan de Desenvolvemento de Parques Empresariais Públicos dotado con 5 millóns de euros, en cuxo plan atópase a Cidade do Moble, o polígono sectorial sirva de revulsivo do sector da madeira local e como motor de emprego da localidade.

Así mesmo, o BNG tamén contempla nas emendas un plan de mellora da seguranza vial e da mobilidade nas estradas de titularidade da Xunta de Galiza dotado con 75 millóns de euros, con actuacións de mellora do enlace da AP-53 no Alto da Rocha, da estrada A Estrada-Santiago e Baloira-Cesures.