A ampliación da AG-59 anunciada polo alcalde é unha tomadura de pelo e unha chapuza


anuncio-autoviaEsta nova ampliación da autovía Santigo-A Estrada rematará en Pontevea sen cruzar o Ulla e converterá este lugar do concello de Teo nun funil que causará moitos problemas aos veciños e veciñas da Estrada

Para o BNG da Estrada a ampliación da autovía AG-59 (Santiago-A Estrada) anunciada polo alcalde e a Xunta de Galiza “é unha nova tomadura aos veciños e veciñas da Estrada e unha chapuza que dilapidará 24 millóns de euros nun traxecto de 3 quilómetros que non solucionará os problemas de comunicación que ten o noso concello, ao contrario, complicaraos notabelmente”.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “este apaño multimillonario, que lle sirve ao alcalde para facer que fai e para saír nos medios de comunicación, é unha nova chapuza, que converterá Pontevea nun auténtico funil, xa que todo o tráfico da AG-59 desembocará no centro deste lugar do concello de Teo, nunha pequena semirotonda cun stop, que será un auténtico quebradeiro de cabeza para os vehículos lixeiros e xa non digamos para o tráfico pesado”. “Desde logo”, engadiu Magariños, “isto non é mellorar a seguridade vial e facilitar a comunicación entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, como di o anuncio da Xunta, é empeoralo”.

O concelleiro nacionalista afirma que “se o alcalde e o PP queren facer algo que sexa realmente útil para A Estrada, o lóxico sería que esta ampliación atravese o río Ulla enlazando coa PO-841. Pontevea é un punto negro que ten a comunicación da Estrada con Santiago de Compostela. Se non se emenda este erro que xa vén de vello, xa non é que fiquemos igual, estaremos peor tal e como está deseñado este nova ampliación da AG-59”.

Xosé Magariños, que analizou o proxecto da Xunta para a autovía Santiago-A Estrada cos compañeiros e compañeiras do Consello local do BNG, “insta ao alcalde a reflexionar e a analizar coa cabeza fría este anuncio da Xunta”. “Se quere realmente ser feliz como dixo el no Facebook e facer felices aos veciños e veciñas da Estrada”, engadiu o concelleiro do BNG, “fale con Feijóo para que emende esta chapuza de 24 millóns que creará máis problemas de comunicación aos veciños e veciñas da Estrada”.