O BNG de Teo e da Estrada presentan unha emenda conxunta de 200.000 € aos Orzamentos da Xunta para Pontevea BIC


bic-ponteveaCando desde BNG de Teo e da Estrada impulsamos a declaración da ponte medieval de Pontevea como Ben de Interese Cultural non o fixemos coa idea de que isto ficara só no papel. Xa o dixemos no seu día, coa declaración BIC buscamos darlle unha maior proxección á ponte de Pontevea para poñela en valor como elemento turístico, cultural e social, e para popularizar entre a veciñanza o legado histórico que supón este elemento patrimonial e arquitectónico, que non separa dous concellos nin dúas provincias, senón que é o elemento físico de unión dunha zona con tradicións culturais comúns, como é por exemplo, o Xenerais da Ulla. Ao mesmo tempo, a declaración BIC da ponte buscaba dotala dun maior nivel de protección que o que tivo até agora, mais para iso necesítanse investimentos.

Con ese sentido presentamos cunha emenda conxunta de 200.000 € aos Orzamentos da Xunta de 2018 para a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial que separa ambos os dous concellos.

Agardamos que o alcalde de Teo, Rafael Sisto, e o da Estrada, José López, unan os seus esforzos desde a institución que representan e fagan as xestións oportunas para que o PP acepte esta emenda. Do mesmo xeito que se uniron para sacarse a foto de rigor o pasado 9 de novembro, día no que o consello da Xunta aprobou a declaración BIC, agardamos que ambos mandatarios sexan coherentes e tamén se una para presionar ao PP para aprobar esta emenda. Así, dentro de seis meses ou un ano poderán sacarse outra foto se o estiman oportuno, coa imaxe dunha ponte medieval perfectamente rehabilitada e mellorada, así como tamén a súa contorna.