O BNG da Estrada propón reconverter o ambulatorio en centro día unha vez entre en funcionamento o novo centro de saúde


Centro de Saúde da EstradaO BNG da Estrada descoñecemos que uso lle vai dar o goberno municipal do PP ao ambulatorio vello unha vez empece a funcionar o novo. Mais desde o BNG propoñemos que esta infraestrutura se reconverta nun centro de día, unha necesidade urxente e amplamente reclamada por parte de moitos veciños e veciñas. Neste sentido, cómpre recordar que o BNG da Estrada ten presentado unha emenda aos orzamentos da Xunta de 2018 de 200.000 € para a posta en marcha dun centro de día.

O noso concello, tanto en números absolutos como pola súa media de idade, precisa dun verdadeiro centro de día e non un apaño como o que puxo en marcha o PP, que non cumpre as expectativas de moitos veciños e veciñas.

O BNG considera que o actual centro de saúde, ademais de reunir as condicións que permiten dotalo e acondicionalo ás esixencias dunha instalación deste tipo, significaría para a Avenida de Santiago un balón de osíxeno nesta dinámica de desequilibrio que o PP está provocando na vila, sen importarlle investir en zonas urbanas máis favorecidas, deixando outras, coma neste caso, abocadas a esmorecer camiñando cara unha barriada residual na que comercio e hostalaría corran o risco de pechar.

Por outra banda o BNG tamén alerta das dinámicas endémicas neste concello, e mesmo en todo o país, de converter as edificacións públicas que cesan na súa actividade en reliquias destinadas ao abandono, pillaxe e deterioro, como por exemplo o matadoiro.