O BNG impulsa unha campaña de apoio ao comercio local


IMG_20171230_114448Desde o BNG da Estrada puxemos hoxe en marcha unha campaña de sensibilización e apoio ao comercio local do noso concello, nunhas datas nas que se dispara o gasto en moitas familias. Esta campaña, na que participaron militantes do BNG, mais tamén o noso concelleiro, Xosé Magariños, está feita a pé de rúa e comercio a comercio, na que trasladamos as nosas propostas para este sector, ao tempo que obsequiamos aos comerciantes uns autocolantes con mensaxes en galego para pegar nos agasallos que se merquen durante estas datas.

Apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Galiza, de humanizar as nosas vilas. Está na nosa man modificar hábitos, potenciar a nosa economía e dar saída á produción galega, de extraordinaria calidade.

No BNG apostamos por prestixiar os nosos produtos primarios e por facilitar a súa comercialización. O noso obxectivo é que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que a actividade agraria, a súa transformación e comercialización sexan un elemento de xeración de emprego e dinamización económica, que tanta falta fan.

Dentro das medidas que temos para o comercio local, apostamos por…

  • Incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega.
  • Opoñerse á instalación de grandes superficies comerciais.
  • Recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais.
  • Promover a produción alternativa e ecolóxica.
  • Impulsar unha marca de calidade dos produtos da horta galega.
  • Regular os horarios comerciais.
  • Establecer liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.
  • Promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.