Para o BNG da Estrada a Torre de Guimarei é unha oportunidade, non un problema como di o Alcalde


torre e pazo de guimareiO BNG da Estrada manifesta o seu total rexeitamento ás palabras do alcalde sobre a Torre de Guimarei. É vergoñento que un rexedor municipal diga que “non sabería que facer” coa Torre e o Pazo de Guimarei, un monumento patrimonial emblemático da Estrada, situado a escasos metros da vila.

Cando pensamos que por fin se acababa o 2017 sen ningún despropósito máis dos que xa se perpetraron ao longo do ano, despertamos o día 31, día de Noitevella, cunha nova mostra da incapacidade do goberno municipal do PP, encabezado polo Sr. López.

Desde o BNG consideramos que as manifestacións verquidas polo Sr. López son a antítese do que debe facer un goberno e o seu máximo responsable: no canto de loitar por un patrimonio que forma parte da historia desta Terra e que debidamente posto en valor significaría un espazo público de lecer que podería dar ademais soporte a múltiples iniciativas relacionadas co coñecemento e a divulgación do noso pasado e coa dinamización do presente e futuro, o que propón o alcalde é desprezalo e esquecelo, pois representa un problema que lle queima nas mans.

Consideramos desde o BNG que é inadmisible que un goberno municipal que se prece, afirme sen pudor que non sabe que é o que se podería facer con un ben patrimonial desta magnitude. Ou ben non hai vontade política de ningunha caste ou é que non hai ollos na cara para ver que noutras latitudes si souberon que facer co seu patrimonio, como por exemplo, o Castelo de Vimianzo, co castro de Castrolandín e a Fundación Terra Termarum en Cuntis, co Centro de interpretación do patrimonio prehistórico en Boiro, co patrimonio da vila de Allariz, co Parque do Pasatempo en Betanzos, co cemiterio gremial de Santa María A Nova de Noia… e un longuísimo etc.

O alcalde da Estrada non pode, polo tanto, dicirlle aos veciños e veciñas que non sabería que facer coa Torre e os seus arredores, porque o que está a dicir é que lle queda grande o cargo de alcalde.

Por todos estes motivos, o BNG insta ao Sr. López a cambiar a súa actitude de menosprezo cara o noso patrimonio e implicarse na recuperación e posta en valor da Torre e o Pazo de Guimarei para o pobo da Estrada.