O BNG apoia aos veciños e veciñas de Benito Vigo que esixen a retirada da antena de telefonía móbil


Antena Benito VigoA mobilización social, a unidade de acción e a implicación activa do alcalde son a clave para derrotar ao Goliat das antenas e esixir a modificación da Lei Xeral de Telecomunicacións feita para satisfacer os intereses das operadoras de telefonía móbil

O BNG da Estrada apoia a demanda dos veciños e veciñas da Avenida Benito Vigo que piden a retirada dunha antena de telefonía móbil situada nun edificio preto dunha escola infantil. Entendemos ademais que deben ser os propios veciños e veciñas, que rapidamente se organizaron nunha plataforma, os que deben capitalizar todo o protagonismo desta acción reivindicativa, correspondendo ás forzas políticas a función de asesoramento, acompañamento e apoio.

Neste sentido, entendemos que a mobilización social e a unidade de acción, así como a implicación activa do alcalde, son a clave para lograr a retirada desta antena. Este é o camiño, como se ten demostrado en múltiples ocasións, mesmo no noso concello.

O principio de precaución
A pesar de que non hai estudos concluíntes sobre a perigosidade deste tipo de artefactos para saúde das persoas, entendemos que o que debe primar é o principio de precaución recoñecido no artigo 3 da Lei 33/2011, Lei Xeral de Saúde Pública, que determina a cesación, prohibición ou limitación dunha actividade sobre a que haxa indicios fundados dunha posíbel afectación grave para a saúde das persoas, e en concretos dos máis cativos, aínda cando haxa incerteza científica sobre o carácter do risco en cuestión.

A lei da selva
Desde o BNG tamén alertamos do cambio radical que supuxo a aprobación da Lei Xeral de Telecomunicacións en 2014 a respecto da instalación das antenas de telefonía móbil. Esta lei deu absoluta prioridade ás operadoras de telefonía, catalogando o despregue da tecnoloxía móbil como de “interese xeral”, simplificando enormemente os trámites burocráticos, saltándose completamente a autonomía e o control municipal, e ignorando a participación cidadá na toma de decisións. A Lei Xeral de Telecomunicacións, aprobada polo Congreso e o Senado, é a lei da selva e dá carta branca ás operadoras para situar onde queiran as antenas de telefonía.

Como dixemos, esta lei ata de mans e pés os concellos para limitar e ubicar en sitios concretos a instalación das antenas de telefonía, -tal e como pedíamos en 2012, cando había intencións de colocar unh destes aparatos no campanario da igrexa da Estrada-, obviando a autonomía municipal recoñecida na Lei de Bases de Réxime Local para definir o planeamento, xestión, execución e disciplica urbanística, a protección e xestión do patrimonio, a protección contra a contaminación e a protección da salubridade pública, así como a promoción no termo municipal da participación dos veciños e veciñas no uso eficiente e sostíbel das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Así as cousas, o que nos queda é a mobilización social e a unidade de acción para esixir á operadora a retirada da antena da Avenida de Benito Vigo. Mais cómpre tamén a implicación do alcalde da Estrada para derrotar a Goliat. El, José López, é a máxima autoridade local e a súa responsabilidade é a de atender as demandas da veciñanza.