O concello paga 5 dedicacións exclusivas, pero será unha empresa privada a que decida que facer co ambulatorio


Centro de Saúde da EstradaXosé Magariños insiste na idea do BNG de transformar o ambulatorio nun centro de día unha vez se poña en marcha o novo centro de saúde

O alcalde da Estrada vén de anunciar que encargará á oficina técnica e de xestión da EDUSI un plan director para ver que uso se lle pode dar ao ambulatorio da Estrada en canto se poña en marcha o novo centro de saúde. Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “é unha tomadura de pelo que se estean pagando cinco dedicacións exclusivas a cinco concelleiros e concelleiras do PP para que logo sexa unha empresa privada a que decida que facer con esta instalación”. “Se o goberno non ten ideas nin proxectos para A Estrada o mellor é que deixen de cobrar as exclusivas e que dimitan”, engadiu o concelleiro nacionalista.

Magariños explicou que “a oficina técnica da EDUSI non nos sae de balde, o concello paga a Idom, empresa á que se lle adxudicou esa oficina o pasado mes de outubro, 465.000 € por propoñer ideas e proxectos para Estrada, algo que debía correr a cargo do goberno municipal do PP que para iso cobran”. Para o concelleiro do BNG “o PP quere enmascarar os intereses dunha empresa privada baixo o paraugas dunha asesoría técnica; un exemplo témolo na ampliación da Alameda cuxo proxecto foi presentado días despois de que Idom resultase adxudicataria da oficina de xestión da EDUSI”.

Centro de día
O concelleiro do BNG non deixou pasar a oportunidade para recordar que o BNG propuxo hai poucos días transformar o ambulatorio en centro de día. “É unha evidencia que fai moita falta e é un servizo moi demandado, un servizo que na maior parte dos casos recae sobre as mulleres que teñen problemas para conciliar a vida familiar e laboral para atender as persoas dependentes da familia”. “O goberno do PP, e en concreto o alcalde, sabe perfectamente que A Estrada necesita un centro de día”, afirmou Magariños, “no BNG estamos expectantes por ver que propón Idom para o ambulatorio, a empresa que propuxo a ampliación da Alameda, pero visto as prioridades que manexa, a cousa non pinta ben”.

O antigo INEM
Por outra parte o concelleiro do BNG tamén comentou a proposta do alcalde de crear a casa da Xuventude no antigo edificio do INEM. O concelleiro nacionalista afirmou antes de “lanzar ideas que poden ser acertadas ou non para un edificio que permanece baleiro desde hai anos, convén que fale cos sindicatos da Estrada que son os propietarios deste edificio que cederon en 2011 ao concello”.