A única expresión cultural que comparte o alcalde é a pota de callos, a Torre e o Pazo de Guimarei son prescindíbeis


callos-con-garbanzos--21004p25990Xosé Magariños: “un pobo que enterra a súa historia nunha silveira é un pobo sen futuro”

“As xustificacións do alcalde para non recuperar para o patrimonio público a Torre e o Pazo de Guimarei son simplemente delirantes”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “Dicir que non é o momento de recuperar patrimonio simplemente para velo, demostra que a única expresión cultural que debe compartir o alcalde é a pota de callos porque lle enche a barriga, a partir de aí, todo é prescindíbel para el”, indicou o concelleiro nacionalista.

“Menos mal que non todos os políticos de todo o mundo opinan o mesmo ca López”, explicou Magariños, “se o mundo estivera cheo de políticos coma López non poderíamos desfrutar dos Xenerais do Ulla, da Rapa das Bestas, da Catedral de Santiago nin do casco vello da capital galega nin do de Pontevedra, nin do Mosteiro de Carboeiro, nin do Coliseo de Roma, etc, etc, por citar algúns exemplos de monumentos históricos e artísticos que só se poden mirar como di o alcalde, pero que atraen a millóns de persoas que percorren miles de quilómetro só para velos e deixan nos comercios e na hostalaría local millóns de euros e polo tanto xeran emprego e dinamismo económico”. “Porque esa, sr. Alcalde”, engadiu Magariños, “esa á a utilidade dos monumentos históricos, a parte de demostrar que detrás desas expresións artísticas hai a historia e a cultura dun pobo e iso é algo que non podemos nunca podemos perder, nunca, porque un pobo que enterra o súa historia nunha silveira é un pobo sen futuro”.

O concelleiro nacionalista tamén lle recordou ao alcalde que “o PP sempre votou en contra de todas as emendas que o BNG presentou no últimos anos aos orzamentos da Xunta para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei”. “Recuperala e poñela en valor”, afirmou o concelleiro do BNG, “podería saírlle de balde á Estrada, pero o alcalde non quere ou non pode molestar aos seus, o que denota falta de peso política e nula iniciativa política como se demostra no día a día, que ten que ser unha empresa privada a que lle poña ideas enriba da mesa”.

“Por outra parte”, engadiu Magariños, “afirmar que non é o momento das obras faraónicas, cando el vai gastar 3.300.000 € na ampliación da Alameda (1.794.635,39 euros pola expropiación e 1.500.000 € pola obra), que a fin de contas tamén é só para ver, non terá outra utilidade práctica, demostra que non ten relato para defender a ampliación da Alameda e que, como el afirmou, é o proxecto de Idom e a el tócalle defendelo como sexa”.