Os veciños e veciñas do lugar de Orosa (Orazo) levan dous meses agardando por un contedor do lixo


IMG-20180119-WA0004Xosé Magariños denuncia a deficiente recollida do lixo no rural estradense e insta ao goberno municipal a melloralo e a adherirse ao plan de compostaxe da Deputación de Pontevedra

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, denuncia “a desesperación dos veciños e veciñas do lugar de Orosa, en Orazo, que non poden botar o lixo no contedor porque este está completamente desfeito e inservíbel para tal función”.

O concelleiro nacionalista explica que “un grupo de veciños deste lugar de Orazo puxéronse en contacto co BNG para denunciar o abandono e o pasotismo do concello á hora de repoñer un simple contedor do lixo”. “O que provoca”, explica Magariños, “que teñan que levar o lixo a outros lugares da parroquia co problema que iso lles ocasiona”.

Xosé Magariños acusou ao goberno municipal do PP de “andar escasos de reflexos, semella que a ampliación da Alameda consúmelles todas as enerxías, deixando completamente abandonado a súa sorte o rural da Estrada”.

O BNG da Estrada non é a primeira vez que denuncia o deficiente servizo de recollida, tanto na vila como no rural. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “xa non é só que tarden en recoller o lixo ou que haxa contedores rotos como no caso do lugar de Orosa, tamén cómpre mellorar a recollida selectiva de residuos no rural instalando contedores de papel, plásticos e vidro”.

“Neste sentido”, engadiu Magariños, “tamén queremos facernos eco dunha petición dos veciños e veciñas de Paramá (Santo André de Vea) que se queixan porque non teñen onde botar os plásticos, o que deixa claro que é o goberno municipal o que non ten vontade para reciclar, non así os veciños que o único que atopan son dificultades.”

O concelleiro do BNG urxe ao goberno municipal a “repoñer canto antes o contedor de Orosa e a elaborar un plan de mellora da recollida do lixo, que inclúa a reciclaxe e a compostaxe adheríndose ao plan da Deputación de Pontevedra, cousa que xa lle temos pedidos non hai moitos meses”. “A Estrada non pode perder as oportunidades que lle brindan outras administracións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, afirmou Xosé Magariños.