O BNG propón no Parlamento que ampliación da AG-59 anunciada pola Xunta chegue ao termo municipal da Estrada


anuncio-autoviaDesde o BNG da Estrada consideramos un disparate que AG-59 remate en Pontevea, que se converterá nun funil

O BNG vén de formular no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reconsiderar a decisión de rematar a autovía AG-59 en Pontevea, ampliando a prolongación até o termo municipal da Estrada, cruzando o río Ulla.

Desde o BNG da Estrada xa manifestamos hai poucas semanas que rematar en Pontevea esta ampliación de apenas 3 quilómetros era un disparate e convertería este lugar do concello de Teo nun funil, que faría perder máis tempo do que aforra aos veciños e veciñas da Estrada a construción destes poucos quilómetros anunciados polo alcalde e a Xunta de Galiza.

Por outra parte, entidades e asociacións de Pontevea puxéronse en contacto co BNG para manifestar a súa preocupación polo remate da autovía no centro deste lugar de Teo, xa que incrementará notabelmente os problemas de seguranza vial en Pontevea. De tal xeito, que o BNG insta con esta iniciativa rexistrada no Parlamento Galego a prolongar até o termo municipal da Estrada.