O BNG leva ao Parlamento a tala indiscriminada de árbores autóctonas de Callobre


Callobre1A Igrexa católica como propietaria e responsábel última desta desfeita ten que reparar o dano patrimonial causado plantando árbores novas que minimicen o dano causado

Desde o BNG da Estrada cremos que a tala indiscriminada de árbores autóctonas centenarias (carballos e castiñeiros) que se perpetrou hai poucas semanas na parroquia de Callobre non pode quedar impune. Ante a pasividade do concello, que prefire lavarse as mans, o BNG da Estrada traslada este asunto ao Parlamento Galego a través do deputado Luís Bará, que rexistrou unha batería de iniciativas e preguntas para coñecer os pormenores da tala masiva de árbores aos pés da igrexa de Callobre para que os responsábeis paguen por esta tala indiscriminada.

Segundo o Decreto 50/2014 da Xunta de Galiza os propietarios forestais están obrigados a comunicar a tala de árbores no caso de que non haxa aproveitamento comercial, e a pedir autorización á administración autonómica no caso de que a madeira sexa para a venda.

Tendo en conta que os terreos son propiedade da Igrexa católica, con esta iniciativa queremos que se aclare publicamente se esta entidade efectuou ou non a comunicación ou tiña a autorización pertinente por parte da Xunta de Galiza.

No caso de que a Xunta tivese coñecemento, queremos saber que criterios técnicos motivaron esta tala masiva de árbores autóctonas centenarias. E en caso negativo, instaremos á Xunta a tomar medidas contra a Igrexa católica por perpetrar esta desfeita ao patrimonio natural.

Aínda que somos conscientes de que é imposíbel repoñer árbores carballos e castiñeiros centenarios, instamos á Xunta de Galiza a que obrigue á Igrexa católica a facer unha plantación de árbores autóctonas dun tamaño axeitado para minimizar o dano patrimonial causado.

Advertisements