Nova cacicada do PP: os contratos de máis de 6 millóns de euros non pasarán polo pleno


O BNG votará en contra porque limita o debate público e a transparencia na xestión municipal

O goberno municipal do PP furtará ao pleno as atribucións que lle son propias como órgano de contratación en todas aquelas adxudicacións de obras, subministración de servizos, contratos privados… que superen os 6 millóns de euros. Esta é a nova cacicada que prepara o PP para evitar o debate público no pleno de todos estes contratos que leve a cabo o concello, aprobándoos en xunta de goberno local.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, xa deixou clara a postura do BNG na comisión de organización celebrada este luns 12 de febreiro. O BNG votará en contra porque limita o debate público e especialmente a transparencia nas adxudicacións que leve a cambo o concello. O BNG entende que este tipo de debates sobre os contratos da administración pública non poden quedar encerrados entre as catro paredes da comisión correspondente e a xunta de goberno local. Un goberno ten que se transparente na súa xestión.

Unha nova patada á filosofía EDUSI
De aprobarse esta delegación de competencias á xunta de goberno local, o PP estará dando unha nova patada á filosofía que impulsa a EDUSI, deixando en papel mollado a participación social, cousa que xa denunciamos no seu día, e a transparencia da xestión que debía rexer todo o proxecto sufragado con fondos europeos.

Como xa anunciamos o pasado mes de novembro, a EDUSI non é participativa nin transparente nin social, é o proxecto dunha multinacional que goza do aplauso do resto das forzas políticas do concello, especialmente do PP, logo de que o BNG anunciara a saída da correspondente mesa de xestión ante a deriva do proxecto, que agora, con esta nova cacicada do grupo de goberno, dá o golpe definitivo á filosofía da EDUSI.

Advertisements