O BNG en contra da concesión de chan público a unha empresa privada para construír e explotar un centro de día na Estrada


hand-s-words-1438401-1279x699Esta posibilidade foi trasladada aos medios polo alcalde o pasado día 7 deste mes de febreiro, e implicaría segundo o BNG unha mostra mais da deriva privatizadora na que está instalado o PP, privatización que ademais de hipotecar por moito tempo unha propiedade pública, traería consigo outras consecuencias, a perda de calidade dun servizo público como é o coidado de persoas dependentes.

En principio consideramos que un servizo público de primeira necesidade non se debe poñer en mans privadas xa que, como está demostrado en moitos outros ámbitos, o servizo dispensado vai ser sempre subsidiario dunha dinámica empresarial, que ten como primeiro obxectivo gañar diñeiro por riba dos custes, o que trae consigo unha perda na calidade, unha peaxe encuberta ou ben unha aportación dos usuarios, que non sempre lles sería posible.

Por outro lado, e volvemos falar de algo archidemostrado, en caso de conflitividade laboral, a administración pública veríase implicada nunha problemática que non xestiona, pero que esixe solucións inmediatas, como pasa en moitos outros sectores.

Desde o BNG consideramos que é contrario ao que se debe buscar, que é unha boa prestación para as persoas que a necesitan e unha xestión avalada polos poderes públicos.

O BNG reitera polo tanto que unha institución desta natureza debe ser de xestión totalmente pública, ou sexa lonxe das intencións expresadas polo alcalde da Estrada en días pasados.

Os servizos sociais son unha peza clave do estado do benestar. Do mesmo xeito que rexeitamos a xestión privada na sanidade, tamén a rexeitamos para o coidado das persoas dependentes.

Por outra parte, o BNG da Estrada volve a poñer enriba da mesa a proposta feita hai poucas semanas de dedicar o centro de saúde actual a centro de día, unha vez se poña en funcionamento o proxectado na Baiuca.