Pedimos ao alcalde que non minta nin eluda as súas responsabilidades coa Feira do Moble


Alfonso Rueda, o alcalde e Nemesio Rey. Foto: Xunta.es

O BNG reitera a súa aposta pola Feira e pola Cidade do Moble

O alcalde da Estrada pode mentir e manipular a realidade para adaptala ás súas necesidades, mais a realidade é a que é, e os datos non se poden cambiar por moito que se empeñe o máximo mandatario municipal.

É un feito, pódese contrastar, está nas hemerotecas, en 2007 a Feira do Moble de Galiza acadou os 250 expositores. En 2017 ese número baixou a 50; en 10 anos deixaron de vir á principal cita do moble do noso país o 80% dos expositores. Insistimos: é un dato que está nas hemerotecas.

Desde 2009 o PP leva gobernando ininterrompidamente a Xunta e polo tanto presidindo a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Desde 2011 tamén goberna no noso concello. Durante ese período, -insistimos- a Feira do Moble de Galiza que se celebra cada mes de setembro na Estrada perdeu o 80% dos expositores que tiña hai 10 anos.

Pero sigamos cos datos. Entre 2006 e 2009 o BNG na Xunta de Galiza deseñou o que sería a Cidade do Moble na Estrada, un proxecto demando polo sector que quedou aparcado nada máis chegar o PP de Feixóo ao goberno autonómico. Desde aquela, logo de recortes no proxecto e sentenzas xudiciais, só sabemos que foi aprobado polo Consello da Xunta en 2016 e desde aquela dorme en San Caetano á espera de dotación orzamentaria que o faga realidade. Unha dotación que o PP tumbou ano tras ano ao votar en contra das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta dos últimos anos.

Esta é a realidade dos feitos, mais o alcalde da Estrada teima en botar balóns fóra, mentindo e manipulando para acusar ao BNG do desastre da Feira do Moble do último ano, unha opinión que compartimos co sector.

A Feira do Moble de Galiza é unha marca que puxo A Estrada no centro da industria do moble . É unha marca que temos a obriga de manter e consolidar con propostas que vaian ao fondo do problema que ten o sector, non só na Estrada. Para iso cómpre a implicación da Xunta de Galiza, cómpre a implicación do PP de Feixóo, a presidencia da Fundación de Exposicións e Congresos que recae na figura do conselleiro de industria non é un cargo honorífico, é un cargo executivo, que comparte co padroado, no que o BNG non ten representante algún desde 2009.

Polo tanto pedímoslle ao alcalde da Estrada que cando fale e Feira do Moble de Galiza, fale con rigor, e non minta nin manipule para salvar a responsabilidade do PP, e a súa propia, que ten non só como alcalde da Estrada, senón como vicepresidente da Fundación de Exposicións e Congresos, cargo que desempeña desde 2011.

O BNG reitera a necesidade de termos un estudo serio e realista do sector para deseñar unha estratexia para facer da Feira do Moble de Galiza un referente da industria do moble para que volva a ser o mellor escaparate a industria do moble da Estrada. Tamén seguimos apostando pola Cidade do Moble, o polígono sectorial de solo público chamado a ser o motor do sector. Instamos ao alcalde da Estrada, mais tamén ao PP no seu conxunto, a aparcar as mentiras e as manipulacións e a implicarse a fondo co moble da Estrada. Instamos ao Sr. López a actuar como goberno intentando sumar, non só ao sector no seu conxunto, senón a todos os axentes sociais para levantar a Feira do Moble, que beneficia a toda Estrada, desde comercio á hostalaría.

Advertisements