O BNG da Estrada denuncia o roubo das fiestras do matadoiro


MatadoiroReiteramos a nosa aposta polo relanzamento do matadoiro. En todo caso, é responsabilidade do goberno municipal poñer enriba da mesa unha alternativa e evitar o seu deterioro definitivo.

A pesar das advertencias que fixemos desde o BNG da Estrada, o matadoiro continúa o seu acelerado deterioro. Agora xa non ten fiestras e todo indica que llas roubaron hai poucas semanas ante a pasividade e o desleixo do alcalde, perfecto coñecedor da situación deste inmoble de titularidade municipal.

Para o BNG é incomprensíbel que o goberno municipal teña completamente abandonado unha infraestrutura municipal. Pero o máis incomprensíbel é que non teña un proxecto para poñelo en marcha como demanda BNG, que hai varios meses puxemos enriba da mesa unha proposta para termos de novo un matadoiro municipal.

Podemos entender que o goberno municipal non comparta as nosas propostas, algo habitual, por outra parte, xa que o BNG está nas antípodas políticas do PP. Mais o que non é de recibo é deixar esmorecer unha infraestrutura municipal como esta, que podía aproveitarse para outras actividades que proxecte o goberno municipal. O problema, -ao noso entender-, é que o alcalde non ten proxecto nin ideas para A Estrada agás as que lle poidan proporcionar determinadas empresas privadas, como Bogaris ou Idom, que defenden os seus intereses económicos, non os dos veciños e veciñas da Estrada, proxectando unha ampliación da Alameda de custe multimillonario ou unha nova área comercial que arruinará o noso comercio local.

En todo caso, instamos ao goberno municipal do PP e tomar as rendas desta infraestrutrura municipal. Reiteramos a nosa aposta polo relanzamento do matadoiro, mais o goberno municipal do PP ten a responsabilidade política de evitar o seu deterioro definitivo. Na súa man está.