O colexio do Souto de Vea padece desde hai meses falta de limpeza e hixiene ante a pasividade do concello


colexio Souto de VeaO BNG insta ao alcalde a que o concello asuma directamente a limpeza para garantir que os cativos e cativas teñan unhas instalacións dignas

O colexio do Souto de Vea padece desde hai meses unha falta de limpeza e hixiene que afecta seriamente ao desenvolvemento normal da actividade educativa, tanto dentro do colexio Manuel Villar Paramá como no pavillón anexo.

Membros da comunidade educativa do colexio puxeron en coñecemento do BNG estes graves feitos nunha reunión celebrada onte xoves cos veciños e veciñas do Val de Vea en Santo André de Vea. Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “a ANPA está farta de comunicar esta situación ao concello, que leva varios meses desaparecido sen dar resposta á demanda das nais e pais dos cativos que acoden diariamente ao colexio”.

“Este é un grave problema de saúde pública que o goberno municipal ten que dar resposta de xeito inmediato”, afirmou Mariños, “as nenas e nenos de Vea non poden ir a un colexio onde hai unha grave carencia de limpeza, o goberno municipal ten que tomar cartas no asunto e resolver de xeito urxente o problema que hai coa concesión privada de limpeza”.

O concelleiro do BNG insta ao concello a “asumir directamente a limpeza deste colexio de Vea e os de todo o concello, xa que segundo nos indicaron na ANPA este problema non é exclusivo do Manuel Villar Paramá, xa que se estende ao resto de colexio da Estrada”.

Xosé Magariños explicou que “o alcalde non pode vir dicindo que non hai cartos para pagar a limpeza, se hai 3.300.000 euros para ampliar a Alameda, que os busque para facer a limpeza dos colexios, para que os cativos da Estrada teñan unhas instalación á altura da A Estrada social e sustentábel que nos vende”.