O alcalde da Estrada pásase á oposición


Paseo do AlcaldeSe “non pode facer máis” pola Variante, mellor que dimita

Do que se deduce da valoración do alcalde da Estrada sobre a consignación de 1.500.000 euros para a Variante é que López renuncia ao goberno e pásase directamente á oposición.

Se xa “non pode facer máis”, como dixo o alcalde, mellor que se vaia e dea paso a un goberno capaz de enfrontar os retos importantes como é este da Variante. Temos que recordar que o pasado mes de decembro agradecía a implicación do Ministerio de Fomento coa Variante. Como xa dixemos en varias ocasións, as palabras do alcalde demostran que non pinta nada no seu propio partido, e o que é peor, que o toman polo pito do sereno.

Tamén cómpre recordar que hai un acordo de todos os partidos políticos do concello sobre as infraestruturas e a Variante, e esta ocupa un lugar destacado dentro das prioridades para o concello da Estrada. Neste sentido, é grave que o alcalde tire a toalla, deixándolle a Fomento a decisión de construír a Variante ou non.

É un erro político grave que un alcalde actúe dese xeito, e demostra que López non é un político, é un aficionado, que ademais cobra 55.000 euros brutos do concello por quentar a cadeira.