López minte: ampliación da Alameda non naceu da participación social, é un proxecto dunha consultora


A ampliación da Alameda terá un custe de máis de 3.300.000 euros, un auténtico despilfarro nun concello que ten moitas necesidades e carencias

O BNG xa deixou claro desde 2015 que ampliación da Alameda non é imprescindíbel para o noso concello. Así o puxemos de manifesto en reiteradas ocasión, así como no acto de recollida de sinaturas que fixemos o 25 de abril daquel ano para por de manifesto o rexeitamento social que xera a ampliación, que non só se manifesta nas redes sociais, como di o alcalde, senón tamén a pé de rúa. O que demostra que o alcalde non fala cos veciños e veciñas, está completamente desconectado das demandas sociais.

A ampliación da Alameda non é froito do debate e da participación social como di o alcalde, é o proxecto dunha consultora que lle presentou un proxecto ao goberno municipal e este moveu todos os fíos burocráticos para que a empresa Idom se fixera co proxecto.

Así o recoñeceu o propio alcalde da Estrada o pasado mes de decembro cando afirmou textualmente aos medios de comunicación local que “Non é unha proposta do PP (deseño da Alameda). É unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia da EDUSI”.

Neste sentido, cómpre recordar que a EDUSI é tamén un proxecto de Idom, que fai e desfai ao seu antollo na comisión de xestión deste proxecto sufragado con fondos europeos; unha comisión que conta cos convidados de pedra dos demais partidos da oposición, xa que, como anunciamos no seu día, o BNG abandonou a citada comisión xestora ao non contemplar ningunha das propostas dos colectivos e entidades e polo tanto quedar claro que a participación e o debate é só un slogan para a galería.

Polo tanto, queda claro como naceu este proxecto, que ten un custe inicial para o concello de 3.300.000 euros, un importe que inclúe tamén a compra dos terreos que acollerá a ampliación da Alameda, que é un auténtico despilfarro nun concello con moitas necesidades e carencias por exemplo en solo público industrial, en saneamento do rural, etc, etc.