O BNG votará en contra da urbanización do Mercadona


Solar MercadoonaDebe ser o goberno municipal o que lidere o deseño urbanístico da vila, e non empresas privadas que só velan polos seus intereses particulares como é este caso concreto, mais tamén no caso da ampliación da Alameda

O primeiro desenvolvemento privado logo de aprobarse o PXOM irá hoxe mércores 25 de abril á comisión de urbanismo, na que se someterá a votación o proxecto de aprobación definitiva asinada polo alcalde da Estrada.

O BNG, que mantivo unha actitude crítica desde o primeiro momento que se deu a coñecer esta iniciativa privada, e por este motivo manterá o seu rexeitamento e votará en contra da urbanización do Mercadona, impulsada pola empresa Bogaris, na comisión de urbanismo e no pleno do vindeiro xoves 3 de maio.

En primeiro lugar, desde o BNG entendemos que debe ser o goberno municipal o que lidere o deseño urbanístico da vila, e non empresas privadas que só velan polos seus intereses particulares. Esta deixación de funcións do alcalde e a súa equipa denota o que sempre afirmou o BNG, que o PP non ten proxecto nin ten un deseño da Estrada que quere para o futuro, é un goberno que se deixa levar pola inercia e polos intereses privados como o demostra este caso en concreto, mais tamén a ampliación da Alameda.

En segundo lugar, a posta en marcha dunha nova superficie comercial será moi negativa para o comercio local, que atravesa tempos moi complicados e difíciles, especialmente pola proximidade das grandes áreas comerciais da capital de Galiza. Abrir unha nova superficie comercial pechará comercios e perderanse postos de traballo.

E xa por último, Mercadona é tristemente coñecido polas súas doazóns ao Partido Popular, mais sobre tamén polas pésimas condicións laborais das súas traballadoras e traballadoras, feitos denunciados en reiteradas ocasións en todo o Estado español. E neste sentido, co noso voto Mercadona non se instalará na Estrada.

En todo caso, está por ver se finalmente se instala o supermercado Mercadona na vila, hai xa moitos anos que se anunciou a instalación do Lidl e mesmo se urbanizaron os terreos ao final da Baiuca, e aínda hoxe non se puxo a primeira pedra.

Advertisements