O PP leva tres anos deixando deteriorar as pistas do rural e a un ano das municipais o alcalde sae do letargo


  • O anuncio de obras que fixo o alcalde estes días responde a unha estratexia electoralista, sen importarlle as carencias que soportaron ata o de agora os veciños e veciñas.

O BNG considera un descaro que o goberno do sr. López, seguindo unha vez máis os hábitos aos que tanto apego lle ten o seu partido, mantivo durante tres anos nun estado lamentable as estruturas viais de todo o concello, tanto rurais como urbanas, para agora poder empezar a precampaña das vindeiras municipais, anunciando o que non fixo nos últimos anos.

O Alcalde, facendo unha ostentación de prepotencia, saca agora á luz pública con todo luxo de detalles toda unha relación de actuacións, que, por certo unha importante parte delas son consecuencia do presuposto librado polo BNG da deputación para o concello da Estrada, tanto para a execución das obras das obras como para a contratación de persoal para levar a cabo algunhas delas.

Benvidas sexan estas inversións, faltaría mais, pero todos os veciños e veciñas da Estrada saben que desde este goberno non se traballa segundo as necesidades que os apremian, neste caso o estado dos viais polos que teñen que transitar, senón pola oportunidade ou non oportunidade política. Os veciños e veciñas tomarán boa nota do letargo do goberno do PP nos últimos tres anos.

O caso de Fernando Conde
Tal é o caso do lamentable estado no que se atopa a rúa Fernando Conde, asunto polo que o BNG leva incluso anos esixindo unha solución ao goberno do PP para sacar esta zona da vila no estado de barrio marxinado residual no que se está convertendo. Mais todo o que leva feito este goberno é sacar de vez en cando unha insinuación nos medios como se se tratase de transmitirlles a eses veciños e veciña a mensaxe de que: “non vos fago nada pero non me esquezo de vós”.

Desde o BNG reiterámoslle ao goberno do PP a esixencia de que trate aos seus veciños e veciñas como suxeitos acreedores á condición de cidadáns, explíquelles por exemplo á xente de Fernando Conde cal é o seu proxecto e cando se vai levar a cabo, recolla as súas aportacións e con respecto ás outras actuacións léveas a cabo en tempo e forma evitando manter durante parte da lexislatura unha situación nefasta para poder empezar agora a colgar medallas con vistas ás vindeiras eleccións.