A ampliación da Alameda: un dispendio nun concello sen saneamento no rural e sen solo industrial público


Pérgola da Alameda da EstradaO BNG alerta da desaparición da pérgola e pide ao goberno un encaixe no proxecto ou que se busque unha ubicación alternativa para evitar que a pedra deste elemento arquitectónico acabe nunha escombreira

O BNG da Estrada reitera unha vez máis que a ampliación da Alameda é unha obra faraónica e un dispendio económico nun concello que non ten solo industrial público para o asentamento de empresas e xerar emprego, e nun concello que ten practicamente todo o rural sen saneamento entre outras carencias importantes.

Temos que recordar que esta ampliación terá un custe mínimo de 3.300.000 euros, contando a expropiación e o custe do proxecto, que segundo a documentación que figura na web AESS2020.gal terá un custe de 1.500.000 euros. É dicir, que o goberno do PP fará un gasto multimillonario nunha soa obra, que desde logo, non servirá para dotar a vila de zonas de lecer e esparcemento, xa que, como dixemos en reiteradas ocasións, o lóxico é esparexer pola casco ás areas de lecer e non concentrar todo nun único lugar.

O BNG da Estrada non vai entrar a valorar este proxecto, xa que está en contra da súa execución. Mais si que queremos poñer o acento nun par de cuestións.

En primeiro lugar, vemos un erro prescindir da pérgola, un elemento arquitectónico perfectamente consolidado que queda fóra do proxecto presentado polo goberno do PP. Os veciños e veciñas consideran este elemento como unha sinal de identidade e o que temos que facer é medrar a partir de aí, senón será unha inversión faraónica con moi pouco futuro e que non supón unha mellora real. Nunca será unha referencia de A Estrada.

Desde o BNG, e así o manifestará o noso concelleiro, Xosé Magariños, na reunión da comisión de urbanismo do vindeiro luns, consideramos que se lle debe buscar un encaixe á pérgola dentro do proxecto; en todo caso, o goberno do PP e o alcalde terán que buscar unha ubicación alternativa para a pérgola e o muro para que esta pedra non acabe nunha escombreira. É patrimonio de todas e todos e debe conservarse para as vindeiras xeracións.

En segundo lugar, queremos destacar o custe de mantemento desta obra faraónica, que requirirá unha brigada de xardinaría permanente para mantela en perfecto estado, neste caso, nós consideramos que podería ocuparse tamén doutras labores de mantemento de áreas de esparcemento que hai no rural.

Nin unha palabra en galego
Por outra parte, e non menos importante, é que o goberno do PP, a pesar de que hai escasas semanas aprobamos unha ordenanza sobre o galego, presenta toda a documento do proxecto da ampliación da Alameda en castelán, non hai nin unha soa palabra na nosa lingua, coa única excepción do nome do noso concello, nos centos de páxinas do proxecto, o que bota por terra as boas intencións do grupo Popular ao votar a favor desta normativa para dinamizar a nosa lingua no noso concello.