O PP rexeitou restrinxir a velocidade e implantar sistemas de moderación de tráfico na zona deportiva


ruaculturaO goberno municipal non poderá manter a vixilancia permanente na Rúa da Cultura e instámolo a retomar a proposta do BNG para facer desta zona dunha área de esparexemento para os veciños e veciñas

Hoxe aparece en diversos medios de comunicación local que un mozo foi multado por condución temeraria Rúa da Cultura á altura dos institutos. A solución para o goberno municipal pasa por incrementar a vixilancia, cousa que o goberno municipal non poderá garantir durante as horas de maior afluencia peonil nesa zona sen desatender outras zonas da vila e do rural.

Porén temos que recordar que a maioría absoluta do PP rexeitou no seu día unha iniciativa do BNG para restrinxir a velocidade dos vehículos a 30 km/h en toda zona, implantando sistemas de moderación de tráfico en toda a área, especialmente naqueles espazos onde haxa unha maior afluencia como pode ser na contorna dos institutos.

Como xa dixemos, é preciso realizar unha intervención nesta área que a converta nun espazo no que os veciñas e veciñas se acheguen a ela como zona deportiva e de paseo e garantan a seguridade dos mozos e mozas que a diario transitan por ela. Pero esta intervención non ten que ser entendida única e exclusivamente como de seguridade vial, ten que partir dun plantexamento de deseño urbano amplo, que a converta nunha peza máis do desenvolvemento dunha vila con criterios de accesibilidade e mobilidade e teña en conta os distintos eventos que se desenvolven nas instalacións xa existentes.

Agardamos que o goberno municipal do PP tome nota deste suceso, que nesta ocasión saldouse sen danos persoais, e vaia máis alá de mandar a policía local a controlar a zona, a zona deportiva e dos institutos ten que ser unha zona privilexiada para o esparexemento dos veciños e veciñas. En todo caso, recordámoslle ao alcalde que sempre é mellor previr que lamentar.

Advertisements