O BNG entrega no rexistro do concello auga contaminada que se verte directamente aos nosos ríos


Rexistro concelloXosé Magariños: “A Estrada poderá presumir de Alameda, pero non poderá presumir de ter saneado o rural e de ter uns sistemas de depuración eficientes”

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, acompañado de militantes da organización nacionalista fixeron entrega no rexistro do concello de auga contaminada recollida das depuradoras e sistema de bombeo do concello.

Xosé Magariños explicou que “non é a primeira vez que facemos unha chamada de atención sobre o sistema de depuración do concello para alertar do da súa ineficacia, mais desta volta quixemos ir máis alá de publicar unhas fotos e traemos directamente ao concello a auga contaminada que se verte directamente aos nosos ríos”.

“As botellas que conteñen líquido contaminante foron recollidas nos Bolos (Lagartóns), onde un sumidoiro verte sen control na cuneta do lugar; tamén recollemos na praia fluvial de Liñares, en Figueiroa, Codeseda e a guinda recollémola en Guimarei, no garaxe de vehículos do concello que verte os seus residuos directamente á cuneta da parroquia”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“É lamentábel que os sistemas de depuración do concello estean nesta situación”, engadiu Magariños, “mais tamén o é que a meirande parte do noso rural non teña saneamento, mentres o goberno municipal vai gastar 3.300.000 euros na ampliación da Alameda”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “xa o dixemos no seu día que había outras prioridades, e mellorar o saneamento da vila e ampliar ao 100% das parroquias é a prioridade, é a asignatura pendente deste goberno municipal”.

“Estamos ás portas dunha das celebracións máis importantes do noso concello, a Festa do Salmón, onde o río Ulla é o protagonista pola riqueza que nos aporta”, engadiu Magariños, “e o certo é que A Estrada poderá presumir de Alameda, pero non poderá presumir de ter saneado o rural e de ter uns sistemas de depuración eficientes, e todo isto temos que engadir a ameaza latente da mina de Touro que pretende aprobar a Xunta de Galiza”.

Xosé Magariños instou ao goberno municipal “tomar nota desta nova chamada de atención que lle facemos, coidar o medio ambiente ten que ser a prioridade do goberno do PP; o alcalde poderá facer a propaganda que queira a través do EDUSI vendéndonos unha A Estrada idílica, sustentábel e intelixente, mais a realidade acabará por impoñerse”.