O BNG pide a implicación do alcalde para mellorar a seguranza vial da N-640 e a conexión coa PO-2016 (A Estrada-Meavía)


O goberno municipal do PP ten que implicarse na resolución destes problemas e coordinar as melloras, xa que afecta a viais con distintas administracións competentes (concello, Goberno central e Deputación)

O BNG da Estrada presentou hoxe en rolda de prensa dúas mocións que instan ao concello a implicarse na mellora da seguranza vial da N-640 ao seu paso pola vila da Estrada. Esta vía soporta un importante fluxo de vehículos, un problema agravado pola falta da Variante, unanimemente demandada desde hai anos; o que fai que ao seu paso polo casco urbano, no tramo coñecido como Avenida Benito Vigo, orixine un incremento das situacións de perigo pola interrelación cos peóns que se desprazan polas beirarrúas da mesma ou que a queren atravesar. Especialmente o tramo que vai desde a escola de música até a rotonda das colonias, onde non existe un só paso para peóns e o último semáforo non regula o cruce de viandantes. Esta situación é especialmente perigosa unha vez que entre en funcionamento a nova escola infantil e o novo centro de saúde.

Ademais, ao final da Avda. Benito Vigo atópase o enlace que une a N-640 coa PO-2016, que é a vía de comunicación da vila coas parroquias de Guimarei, Cereixo, Ribela e Vinseiro e co concello veciño de Forcarei.

Neste sentido, atopámonos ante un tramo perigoso que merece a urxente actuación do Ministerio de Fomento, titular do vial, dotándoo de medidas de seguranza que garanta non só unha circulación de vehículos segura, senón tamén que permita que os veciños e veciñas poidan cruzar a N-640 o fagan con todas as garantías para a súa integridade física.

Melloras no cruce da PO-2016 (A Estrada-Meavía)
A estrada PO2016 permite a comunicación co núcleo urbano e coa N 640 a poboación residente en cinco parroquias do noso concello: Ribela, Vinseiro, Cereixo, Lagartóns e Guimarei; así como as parroquias de Forcarei de Meavia e Quintillán. Isto fai que teña un volume de tráfico considerable, xa que son moitas as persoas que se desprazan diariamente á vila, ben por motivos de traballo, ben por facer as súas compras ou por outros motivos varios.

É unha vía que non ten uns arcéns que permitan unha seguridade básica para os peóns. Esta circunstancia agrávase nas proximidades do enlace coa N-640 onde se incrementa o tráfico de persoas. Este tramo presenta ademais para os vehículos unha serie de problemas, entre os que destacamos os seguintes:
• A falta de visibilidade que dificulta prever se ven un coche no sentido contrario
• O enlace co vial que proven do lugar da Torre non conta con boa visibilidade, o que implica realizar a incorporación a PO 2016 en condicións pouco seguras
• A falta de arcén non permite achegarse á beira con garantías no caso de cruzarse con outro vehículo, especialmente cando é de grandes dimensións
• A perigosidade na incorporación a N 640; non so pola mala visibilidade, se non que tamén pola falta de elementos de regulación do tráfico nesta estrada.
• Os vehículos que circulan pola N 640 no sentido Lalín-A Estrada e precisan incorporarse á PO 2016 non poden efectuar esta manobra, tendo que proseguir a marcha ante un lugar que lle permita facer un cambio de sentido; este cambio faise no espazo existente diante do antigo concesionario da Ebro-Nissan, pero que non é unha zona onde se poida facer esta manobra en condicións de seguridade; engadíndolle ademais que non sempre é posible facelo ao estar ocupado este espazo por outros vehículos o que impide facer o cambio de sentido.

A mellora desta intersección é amplamente demandada por parte de veciñas e veciñas das parroquias afectadas e require a máxima implicación do concello ao verse afectadas varias administracións (concello, Goberno Central e Deputación).