O BNG pide a retirada do cartaz do Campus Deportivo de Verán por sexista e discriminatorio


cartaz-campus-veránO goberno municipal do PP vén de publicar unha cartaz para anunciar o IX Campus Deportivo de Verán, que só pode ser catalogado de sexista e de reproducir roles que hoxe en día están máis que superados. Nin só os nenos xogan ao fútbol e fan boxeo, nin só as nenas fan patinaxe.

Mais o cartaz editado polo concello reproduce roles que só poden ser catalogados de machistas, discriminatorios e retrógrados, xa que se poden ver a nenos futbolistas e a outros que levantan pesas, -deportes de forza-, mentres que se lle reservan ás nenas deportes máis “delicados” como poden ser a ximnasia rítmica ou patinaxe.

O goberno do PP ten moitas asignaturas pendentes en moitos aspectos, pero o da igualdade é de suspenso absoluto. Como xa dixemos en moitas ocasións, o goberno municipal apúntase ao carro da igualdade por un mero interese político, pero logo a práctica é xusto o contrario como o caso que nos ocupa.

Por outra parte, o cartaz tamén reflicte o futbolcentrismo do deporte, onde hai un deporte rei practicado por homes, o fútbol, que o PP sitúa no centro do cartaz, e deportes secundarios no extremo do cartaz practicados por mulleres. É dicir, que o que reflicte este cartaz do concelleo é que os deportes practicados por homes son os importantes.

Desde o BNG pedimos ao goberno municipal a retirada do cartaz por sexista e discriminatorio, e instamos ao alcalde a tomarse en serio as políticas de igualdade e a non practicar a discriminación por razón de xénero, especialmente cando se fan actividades para os nenos e a nenas. Os deportes son para todos e todas, non hai deportes para homes e deportes para mulleres.

A pesar do encasillamento ao que se ven sometidos os nenos e as nenas, as mulleres están a romper moldes en deportes até hai pouco tempo exclusivo só dos homes, tamén no noso concello, como pode ser o fútbol gaélico onde mozas e mozos xogan a esta disciplina deportiva e en algúns casos conxuntamente.