A ponte medieval de Pontevea e Torre de Guimarei non aparecen na web de turismo municipal


Ponte medieval de PonteveaXosé Magaríños insta ao goberno municipal do PP a tomar como referencia a guia de turismo editada polo BNG durante o bipartito

A ponte medieval que une os concellos de A Estrada e Teo, que foi declarada BIC (Ben de Interese Cultural) o pasado mes de novembro, así como a Torre de Guimarei non figuran na web de turismo municipal.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “a web ten tan pouca información, xa non digamos o folleto de oito páxinas, que prescinde da ponte medieval de Pontevea e da Torre de Guimarei, que son tan característicos do noso concello que até figuran no noso escudo”. “Temos dous elementos patrimoniais declarados BIC e o concello nin o menciona na web nin no folleto de información turística”, engadiu Magariños, “é incomprensíbel”.

Con todo, o concelleiro nacionalista indicou que “non lle sorprende este desleixo por parte do goberno municipal do PP; xa temos denunciado en máis dunha ocasión que o concello da Estrada carece dunha política turística que mereza chamarse de tal xeito, e isto é unha proba máis”.

Xosé Magariños denuncia que “ao alcalde a ponte medieval de Pontevea só lle interesa para ir sacarse a foto cando a a declararon BIC, a pesar de ser un dos principais monumentos da Estrada que ademais pode visitarse gratuitamente, e que hoxe pode desfrutarse da contorna grazas ao traballo incansábel da Asociación Entre As Pontes”.

O concelleiro do BNG insta ao goberno municipal “a tomarse en serio a política turística, isto non é un entretemento, hai moitos negocios na Estrada que viven disto e hai moitos postos de traballo en xogo”. Xosé Magariños recomendoulle ao alcalde que deixe a un lado “o seu sectarismo e tome como referencia a guía turística editada polo BNG durante o bipartito, grazas ao traballo da nosa compañeira Raquel López Doce; neste documento ten información abondosa sobre os principais puntos de interese turístico do concello”. “A guía pode descargarse desde a nosa web e pode copiala ou reeditala tal e como está”, afirmou Magariños, “non nos vai parecer mal, estamos moi orgullosos do traballo realizado e é unha mágoa que o concello liquide o turismo da Estrada en oito páxinas”.

Advertisements