O BNG da Estrada traslada ao Parlamento Galego os problemas da Feira do Moble de Galiza


Xosé Magariños, Luís Bará e Susana Camba

Xosé Magariños, Luís Bará e Susana Camba

A Xunta ten que implicarse no relanzamento da Feira e na posta en marcha da Cidade do Moble

Xosé Magariños e Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego, presentaron no día de hoxe unha iniciativa para que o goberno da Xunta de Galiza se implique na resolución dos problemas que vén arrastrando a Feira do Moble de Galiza.

Este evento pasou de ser un referente para o sector do moble a ser na actualidade unha feira multisectorial sen rumbo claro, en continuo declive e sen perspectivas de futuro. Os datos da evolución da Feira entre 2017 e 2017 son contundentes: neste período de tempo perdeu o 80% por cento dos expositores, pasando de 250 a 50.

A Feira do Moble de Galiza é unha marca que puxo A Estrada no centro da industria do moble . É unha marca que temos a obriga de manter e consolidar con propostas que vaian ao fondo do problema que ten o sector, non só na Estrada. Para iso cómpre a implicación da Xunta de Galiza, xa que a presidencia da Fundación de Exposicións e Congresos que recae na figura do conselleiro de industria non é un cargo honorífico, é un cargo executivo, que comparte co padroado.

A proposición non de lei do BNG, rexistrada polo deputado nacionalista, Luís Bará, pide ao máximo responsábel da consellaría de industria, Francisco Conde López, desenvolver, en coordinación coas demais entidades que integran a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, un plan de relanzamento e consolidación da Feira do Moble da Estrada como evento de referencia do sector do moble e da madeira.

Hai que ter en conta que a Fundación de Exposicións e Congresos está presidida polo conselleiro de industria, polo que o BNG entende que a iniciativa política para mellorar a situación da Feira do Moble de Galiza debe corresponder ao goberno da Xunta.

Relanzamento do sector do moble
Por outra banda o BNG tamén busca con esta proposición non de lei rexistrada no Parlamento Galego por Luís Bará, impulsar a Cidade do Moble da Estrada, polígono sectorial de solo público, dotando no 2018 as partidas necesarias para o relanzamento do proxecto e do sector da madeira.

A Cidade do Moble na Estrada é un proxecto demandado polo sector que quedou aparcado nada máis chegar o PP de Feixóo ao goberno autonómico. Desde aquela, logo de recortes no proxecto e sentenzas xudiciais, só sabemos que foi aprobado polo Consello da Xunta en 2016 e desde aquela dorme en San Caetano á espera de dotación orzamentaria que o faga realidade. Unha dotación que o PP tumbou ano tras ano ao votar en contra das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta. Con esta iniciativa Parlamentar o BNG buscar relanzar o proxecto do polígono público sectorial da madeira.

O sector da moble está en crise, e para reverter esta situación cómpre unha aposta decidida polo sector do moble e da madeira, é necesaria unha iniciativa institucional firme que reoriente, revitalice e consolide a Feira do moble e que impulse a Cidade do moble, co obxecto de converter a Estrada no centro estratéxico da industria galega do moble. Esta iniciativa ten que ten ademais como finalidade potenciar a cadea de valor do sector da madeira, pechando ciclos e creando valor engadido a partir da potenciación da produción e comercialización de madeiras de calidade.

Para conseguir estes obxectivos precísase en primeiro lugar confianza no potencial que ten o sector, vontade política para levar adiante as propostas, e medios económicos para facelas realidade. É é necesaria a implicación decidida de todas as partes: Consellaría de Industria, Concello da Estrada, Deputación de Pontevedra, Asociación de empresas do moble e Cámara de Comercio.