O BNG da Estrada denuncia o estado terceiromundista dos cadros eléctricos do alumeado público


 

Xosé Magariños: “O concello gastará máis de tres millóns de euros na Alameda mentres os cadros eléctricos do alumeado público parece saído dunha película post-apocalíptica”

O BNG da Estrada denunciou en reiteradas ocasións o estado lamentábel das instalacións municipais como pode ser o matadoiro ou mesmo a entrada do espazo concilia, entre outras. Hoxe engaden unha máis: os cadros eléctricos do alumeado público. Veciños e veciñas de Berres, Barbude, Ribeira, Santo André de Vea e Ouzande puxeron en coñecemento do BNG da Estrada o perigo que supón o estado de evidente deterioro destas instalacións municipais que regula o fluxo eléctrico do alumeado público.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, que visitou algunha das parroquias antes mencionadas, “os cadros eléctricos presentan tal grao de deterioro que se ven caixas oxidadas, os machetes e cableado á vista e á intemperie dos elementos climatolóxicos, o que representa un serio perigo para as persoas, especialmente para os máis cativos que teñen acceso doado ás instalacións en moitos casos, co perigo que iso supón, que ademais mesmo poden provocar incendios se se dan as condicións axeitadas”.

“Isto é terceiromundista”, afirmou o concelleiro do BNG, “o goberno do PP gastará tres millóns de euros nunha Alameda e os cadros eléctricos do alumeado público semellan saídos dunha película post-apocalíptica”. “O alcalde véndenos unha estrada idílica, sustentábel e intelixente a través do EDUSI e os cadros eléctricos do alumeado público están sen mantemento desde hai décadas presentando un estado ruinoso”, afirmou o concelleiro nacionalista.

Xosé Magariños insta ao alcalde a renovar estas instalacións eléctricas do rural. “Temos coñecemento a través dos veciños e veciñas de Berres, Barbude, Ribeira, Santo André de Vea e Ouzande do mal estado dos cadros eléctricos destas parroquias, mais estamos seguros que non son un caso illado, e por iso instamos ao goberno municipal do PP a facer un estudo de todos e cada un dos cadros eléctricos do alumeado público para posteriormente acometer unha renovación profunda onde sexa necesario”, afirmou o concelleiro do BNG.

“Non queremos ser agoireiros”, engadiu Magariños, “até agora non houbo que lamentar danos persoais, e agardamos que así sexa, mais é urxente que o goberno municipal renove estas instalacións eléctricas, algo que reiteraremos no próximo pleno deste xoves 7 de xuño”.