O BNG quere poñer freo as barreiras arquitectónicas das rúas da vila


 

A organización nacionalista rexistra unha moción na que insta ao goberno municipal do PP a elaborar un Plan Integral de Mobilidade para mellorar a accesibilidade de espazos públicos e privados

O BNG da Estrada vén de rexistrar unha moción para instar ao goberno do PP a elaborar un Plan Integral de Mobilidade para eliminar as múltiples barreiras arquitectónicas en edificios públicos e rúas da vila. Esta iniciativa busca mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas con dificultades físicas, psíquicas e sensoriais.

Os problemas de accesibilidade que presentan certos espazos públicos, algúns de recente construción como o Novo Mercado, e especialmente algunhas rúas do casco urbano, atenta contra as liberdades fundamentais das persoas que presentan problemas de mobilidade.

Entre a problemática que se pode atopar temos os seguintes: obstáculos nas beirarrúas, pasos de peóns a distinto nivel que a beirarrúa e que non contan con rampa, falta de sinalización sonora nos semáforos, etc. Estas barreiras impiden que moitas veciñas e veciños poidan desenvolverse de maneira autónoma, reducindo desta maneira a súa calidade de vida e impedindo que accedan en igualdade de condicións que o resto da cidadanía aos recursos públicos e privados.

Contar cunha vila accesible é apostar por unha maior calidade de vida de todas e todos os cidadáns, polo que é unha condición irrenunciable que todos espazos, edificios e servizos poidan ser empregados por calquera veciño ou veciña de forma autónoma, fácil e segura con independencia das súas capacidades.

Recoñecendo os avances que se teñen feito nos últimos anos en materia de accesibilidade, queda moito que facer e moito que concienciar. É preciso contar cun plan que que elimine todas esas barreiras que impiden o funcionamento autónomo de todas as persoas; este ten que contar cun orzamento e unha temporalización que nun prazo máximo de 5 anos permita contar a toda a cidadanía cunha vila accesible.

Advertisements