O goberno do PP non se presenta ás subvencións da Deputación para mellorar o noso patrimonio


ponte liñaresAs subvencións da Deputación de Pontevedra permitirían actuar sobre a Ponte de Liñares e outros bens patrimoniais de titularidade municipal

Hai poucos días a Asociación do Patrimonio Galego publicaba no seu Twitter a lista vermella de concellos galegos que non coidan o seu patrimonio. A citada lista estaba encabezada polo concello da Estrada e non é casual, é froito do desleixo e abandono do grupo municipal do PP que non lle interesa o máis mínimo o noso patrimonio, cuxa mostra máis evidente é o estado no que se atopa a Torre e o Pazo de Guimarei.

Como dicimos aparecer na lista vermella de concellos galegos que non atenden o seu patrimonio non é casual. É froito de decisións políticas do PP. Hoxe mesmo sabemos que o concello da Estrada nin sequera se presentou ás subvencións convocadas pola Deputación de Pontevedra para promover a recuperación e rehabilitación do patrimonio dos concellos, sempre que sexa de titularidade municipal.

Estas subvencións da Deputación que o grupo municipal deixou pasar, contemplaban actuacións que incluísen propostas de obras de conservación, restauración e sinalización. Así, como obras de conservación estipulábanse as que tivesen como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, fosen reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que derivasen de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico. Tamén contemplaba como subvencionables as obras de sinalización dos bens inmobles, e os estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde incluía ademais os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización, coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.

Como vemos, as subvencións da Deputación permitirían ao grupo de goberno atender un amplo campo de actuación sobre bens patrimoniais de titularidade municipal, como a mellora da Ponte de Liñares, colocar paneis informativos na ponte medieval de Pontevea, recentemente catalogada como BIC, sinalar bens patrimoniais como poden ser o Museo Reimóndez Portela, por citar só algúns exemplos.

Sen embargo, o grupo de goberno do PP ignora as peticións veciñais e do tecido asociativo, deixan o noso patrimonio cultural no máis absoluto abandono como que só merece un apelativo: o de xenocidas culturais.

Por outra parte, a semana pasada o alcalde da Estrada laiábase do trato que recibía da Deputación de Pontevedra, mais, como se poder ver, é o propio goberno municipal o que despreza as oportunidades de actuación que lle brinda a entidade provincial co-gobernada por PSOE e BNG. Se a Deputación de Pontevedra non fai máis na Estrada é polo sectarismo do goberno do PP, cuxas consecuencias pagan os veciños e veciñas.