O BNG alerta do mal estado da Lagoa de Olives


A Lagoa de Olives é un dos enclaves naturais máis singulares do noso concello, mais tamén de Silleda e Forcarei, xa que abrangue os límites dos tres concellos. Situada a 700 metros de altura, é unha zona húmida que forma parte da Rede Natura, e onde acubillan especies vexetais e animais autóctonos.

Unha recente visita do noso concelleiro, Xosé Magariños, puidemos constatar o estado de avanzado deterioro da lagoa de Olives. A parte da falta de auga pola escaseza de choivas, o máis alarmante é a frondosa vexetación de ameneiros que se pode apreciar e que ameaza con facer desaparecer a lagoa nun curto espazo de tempo. Unha vexetación que ao medrar sen control afecta tamén ao valo, un elemento patrimonial moi deteriorado por esta.

Sen embargo, o máis ameazante é interacción do ser humano con este espazo protexido, xa que se poden apreciar claramente a irrupción de vehículos dentro da lagoa, co deterioro e alteración do hábitat que iso supón.

Por outra parte, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, tamén alerta da escasa sinalización, tanto para chegar a este fermoso enclave desde a N-640, como de que estamos ante un espazo protexido da Rede Natura.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal a tomar medidas para preservar este paraxe singular do noso concello e, por outra parte, descoñecido por moitas veciñas e veciños do concello.

Tamén instamos ao concello a sinalar debidamente, non só a lagoa, prohibindo o acceso á mesma, senón tamén o acceso. Xa dixemos en moitas ocasións que A Estrada ten moito que ver, mais parece que este goberno do PP pon moito empeño en agochar os fermosos espazos naturais do concello.