O BNG propón que a Rapa das Bestas sexa recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade


Rapa das BestasA Rapa das Bestas é unha expresión cultural que foi quen de perdurar no tempo e adaptarse a novas formas de entender o comportamento cos animais

A Rapa xa foi finalista en 2009 a optar á declaración de Patrimonio Inmaterial, mais como é obvio, non o conseguiu. É por este motivo queremos que o goberno municipal ten que ser o motor que impulse esta declaración, buscando a implicación de todos os sectores sociais, culturais, económicos e políticos do noso concello para acadar o obxectivo de termos o primeiro Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade do noso concello. Neste sentido, o BNG da Estrada, a través do concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, vén de rexistrar unha moción para instar ao goberno municipal a iniciar conversas coa asociación Rapa das Bestas, con todas aquelas entidades vinculadas á conservación do cabalo e con todas as asociacións culturais do concello para impulsar unha campaña para conseguirmos esta declaración para a Rapa das Bestas.

É evidente que Á Estrada interésalle contar cunha declaración internacional deste calibre, porque como colectivo cultural debemos protexer esta tradición secular e divulgala, e porque ao mesmo tempo pode ser un revulsivo económico para o noso concello.

Esta declaración corresponde á UNESCO, organización dependente das Nacións Unidas, que leva traballado máis de 60 anos no ámbito do patrimonio cultural inmaterial, e ten por finalidade salvagardar o patrimonio cultural inmaterial que non conculque os acordos internacionais sobre dereitos humanos e que cumpra as esixencias de respecto mutuo entre as comunidades e o desenvolvemento mutuo, uns principios que cumpre sobradamente a Rapa das Bestas de Sabucedo. E aínda que só os gobernos dos estados poden someter a consideración do comité elementos do patrimonio cultural inmaterial, a proposta debe contar coa plena participación e consentimento da comunidade ou grupo de interesados.

Neste sentido, o BNG vén de trasladar á Asociación Rapa das Bestas a moción e nos próximos días o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, explicará polo miúdo o contido da iniciativa nunha reunión coas persoas responsábeis da mesma.

A Rapa das Bestas é unha expresión cultural que, a pesar do cambio drástico que sufriu o mundo rural, foi capaz de perdurar no tempo e adaptarse a novas formas de entender o comportamento cos animais, neste caso co cabalo, respectándoos e mimándoos, un aspecto que non cumpren outros “espectáculos” de maior exposición mediática que a Rapa. Tamén é un exemplo de como unha pequena comunidade, a pesar dos cambios, foi quen de manter un xeito de traballar colectivo; conservaron e transmitiron as distintas xeracións este importantísimo legado.

Este patrimonio ten que contar co recoñecemento e protección axeitado, e aínda que se están dando pasos para súa declaración como BIC por parte da Xunta de Galiza, consideramos que estamos ante un evento singular que polas súas características e tradición que debe de contar coa declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.