O BNG quere declarar persoas non gratas na Estrada aos cinco de “La Manada”


Se tocan a unha, tócannos a todasO pleno da corporación municipal ten que recoller o sentir da rúa, trasladando o apoio á vítima da violación do San Fermín de 2016, mais tamén a todas as mulleres vítimas de agresións sexuais, tamén no noso concello

O BNG da Estrada a través do concelleiro Xosé Magariños, vén de rexistrar unha moción para que o pleno acorde declarar persoas non gratas aos cinco membros de “La Manada”, sentenciados a 9 anos de presión por uns feitos cualificados xuridicamente como abusos sexuais. Unha sentenza que suscitou un importante rexeitamento social na Estrada, onde se manifestaron centos de veciños e veciñas contra unha incomprensíbel decisión do tribunal que veu abuso onde o resto da sociedade viamos violación ou agresión sexual por ter sometido a unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, contra a súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade numérica, física e de idade durante os San Fermíns de 2016.

Para máis INRI, e a pesar da gravidade dos feitos, o tribunal vén de poñer en liberdade provisional aos cinco acusados de “La Manada”, empregando argumentación difíciles de entender por parte de toda a sociedade, como se ten demostrado na rúa e polo movemento feminista.

É coñecido e notorio que “La Manada” non ten amosado o máis mínimo arrepentimento pola súa aborrecida pero habitual práctica. Ao contrario, actúan con garbo e desprezo, situando o acontecido nun plano de normalización, elevando o sucedido a consentimento, a pesar de que ninguén o entende e de que este mesmo grupo de individuos ten pendente outro xuízo, agora mesmo en fase de instrución, por delitos de violación semellantes.

E como reacciona o Tribunal? Acordando que aos agresores deben manterse a 500 km de distancia da vítima. En definitiva, coa súa decisión, os maxistrados confinan á moza nunha suposta furna de cristal, e permite a libre deambulación dos condenados por todas partes do territorio que consideren. Nesta situación, cabería preguntarse, pois logo, quen é o condenado: a vítima ou os seus agresores?

No BNG entendemos que as Corporacións municipais son a expresión do mandato cidadá, e quedariamos á marxe da sociedade se non recollemos o clamor da rúa, o pensar e sentir de miles de mulleres e homes, ante a inxusta resolución a esta situación tan grave, que vai contra a liberdade de máis do 50% da poboación deste Estado: as mulleres.

Chegou o momento de dar un paso máis, e que sexan as Corporacións Locais as que, de motu propio, poñan o seu gran de area na denuncia desta inxustiza social e sumarse, por iniciativa propia, ao berro cidadá polo caso de “La Manada”. É o momento de declarar persoas non gratas nos nosos concellos, tamén na Estrada a José Ángel Prenda Martínez, Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena, Jesús Escudero Domínguez, Ángel Boza Florido e Antonio Manuel Guerrero Escudero.

Temos a oportunidade de deixar aos agresores sexuais de todo o país, tamén a veciños que recentemente tamén foron condenados por delitos semellantes, que A Estrada entende que si son uns feitos moi graves, que merecen o noso total desprezo, arroupando ás vítima para que non se sintan nin culpábeis, nin sinaladas nin condenadas.

As agresións sexuais son a arma máis empregada para librar esta guerra contra as mulleres que, non era sen tempo, xa se vai facendo máis visíbel, e por fin deixou de ocupar espazos de recheo para situarse nos titulares de apertura dos medios de comunicación. A loita feminista das últimas décadas foi vital para iso.

O caso de “La Manada” é o cumio do iceberg e debemos aproveitalo para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nos pensamos; e por parte de homes que non están enfermos. Que saiban todas as vítimas anónimas que estamos con elas e que non nos doen menos. E que todos e todas entendamos que o silencio nos condena.

Desde o BNG da Estrada agardamos que todas as forzas políticas con representación apoien este iniciativa, que non só busca declarar persoas non gratas aos 5 de “La Manada”, senón dar traslado do acordo á Audiencia Provincial de Iruña, así como á representación legal da vítima para que sexa coñecedora do apoio do concello da Estrada, que saiba que non está soa.