O BNG da Estrada alerta de que o comercio local da Estrada agoniza e urxe ao alcalde cortar a hemorraxia de peches de comercios


IMG_20180705_181703

Baixos en aluguer ou á venda na “milla de ouro” da Estrada

Entre a Praza da Farola e a Porta do Sol hai unha ducia de baixos comerciais en aluguer, síntoma inequívoco de que algo non vai ben

O concelleiro do BNG urxe ao alcalde a liderar unha mesa de diálogo entre o sector e os partidos políticos para poñer enriba da mesa solucións e frear a caída do comercio local

O BNG da Estrada alertou en máis dunha ocasión do estado agónico do comercio local. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “un simple paseo polo que se coñece como a Milla de Ouro comercial do noso concello, entre a Praza da Farola e a Porta do Sol, podemos ver unha ducia de baixos comerciais en aluguer, síntoma inequívoco que de que o comercio local da Estrada ten graves problemas, e iso que só contamos os da rúa principal e sen ter en conta os locais pechados sen letreiro de aluguer”. “Unha análise en profundidade do comercio local da Estrada concluiría que ten que entrar con urxencia na UCI”, engadiu o concelleiro do BNG.

“Mais”, engadiu Magariños, “o peor é que a pesar de que hai síntomas evidentes de que estamos ante un inminente colapso do comercio local da Estrada, non hai liderado político por parte do goberno municipal do PP, que está vendo a vida pasar mentres no sector do comercio local conde o pesimismo e só agarda que o último baixe a persiana”.

O concelleiro do BNG explicou que “o alcalde ten que facer algo polo comercio local, non pode agardar sentado a que a ampliación da Alameda solucione todos os problemas, porque iso simplemente non vai ocorrer”. “O goberno municipal do PP,” engadiu Magariños, “ten que sentarse con ACOE con urxencia para atallar a hemorraxia que ameaza a viabilidade do comercio local da Estrada”.

Para o concelleiro nacionalista “é urxente que o alcalde lidere unha mesa de diálogo que analice a situación e poña enriba da mesa solucións, que non se poden demorar por máis tempo.” “De momento”, engadiu Magariños, “temos uns anos anos de marxe, mentres a autovía non chegue á Estrada, se agardamos, daquela xa será moi tarde, xa que as grandes áreas comerciais de Santiago de Compostela teñen unha política publicitaria tan agresiva que até unha empresa de autobuses da localidade leva anuncios nos seus vehículos destacando o preto que está a capital de Galiza do noso concello”.

Sen embargo, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “podemos reaccionar se confiamos nas nosas propias forzas, sendo intelixentes e audaces podemos recuperar o noso comercio local ante o retos que se aveciñan, mais é López o que ten que liderar, para iso é o alcalde”. “Desde o BNG instamos ao grupo de goberno a convocar unha mesa diálogo entre o sector e os grupos políticos para atopar unha solución”, engadiu Magariños, “pola nosa parte xa lle adiantamos que participaremos activamente”.

 

Advertisements