A presión política do BNG obriga ao alcalde a reunirse coa Deputación para darlle solución a diversos problemas que padecen veciños e veciñas da Estrada


IMG_20141010_191944Agardamos que o impulso dado polo BNG non decaia e faga as xestións oportunas co Ministerio de Fomento e a Xunta para que a Variante e a Cidade do Moble sexan unha realidade

Desde o BNG da Estrada saudamos o cambio de actitude do alcalde a respecto da Deputación de Pontevedra, mais temos que lamentar que chega tres anos tarde. Se o alcalde non amosara unha actitude tan sectaria e irresponsábel coa institución provincial, e en concreto coas áreas xestionadas polo BNG, os veciños e veciñas de Barcala e Berres que podían ter resolto hai moito tempo os problemas dos viais das súas respectivas parroquias.

Tamén saudamos que a que a Deputación acometa a mellora da intersección da EP-7016 na saída da Estrada, que dá servizo ás parroquias de Guimarei, Cereixo e Vinseiro, unha mellora solicitada polo BNG hai poucas semanas a través dunha moción aprobada por unanimidade. Esta iniciativa instaba ao goberno municipal do PP a facer as xestións oportunas coa Deputación, mais tamén con Fomento para arranxar este perigoso enlace vial.

Por outra parte tamén queremos poñer de manifesto que este cambio de actitude do goberno municipal do PP é froito da presión política da nosa organización e en concreto de Xosé Magariños, concelleiro do BNG, a través de diversas mocións nos que trasladaba problemas dos veciños e veciñas, así como notas de prensa nos que poñíamos de manifesto a pasividade do alcalde e da súa equipa de goberno.

Con todo agardamos que este impulso que lle demos ao alcalde non decaia e sexa quen de trasladar as necesidades do noso concello tamén a outras administracións. En concreto, desde o BNG consideramos que o alcalde xa está tardando en pedir cita no Ministerio de Fomento para concretar dunha vez por todas unha data para a construción da Variante da Estrada, imprescindíbel para o desenvolvemento económico e social do concello. Xa que cambiou a cor política do goberno central, ao mellor o alcalde atopa unha maior receptividade por parte do ministerio, que non atopaba antes co PP. Mais o tempo demostra que iso é indiferente, a débeda histórica de Madrid coa Estrada aí está, goberne quen goberne. Mai a responsabilidade do alcalde é insistir.

Tamén instamos ao alcalde a solicitar cita en San Caetano para ver se é quen de cambiar a actitude dos seus compañeiros de partido, que non hai moitos días votaban contra unha iniciativa do BNG para impulsar a Cidade do Moble, aprobada polo Consello da Xunta, mais sen orzamento que faga realidade o parque industrial sectorial da madeira que dea impulso ao sector.