O PP converte o rural nun vertedoiros


A ausencia de políticas medio ambientais e de concienciación por parte do goberno municipal fai proliferar os vertedoiros incontrolados no rural

O BNG alerta da proliferación no rural de vertedoiros incontrolados, en moitos casos, segundo apunta o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “con pleno coñecemento do goberno municipal do PP que non fai nada por poñerlle remedio a pesar dos reiterados avisos que lle facemos nos plenos”.

Veciños e veciñas de Moreira, Arnois ou mesmo Vea puxeron en coñecemento do BNG vertedoiros incontrolados nas parroquias, que demostra que “o goberno non está facendo os deberes en materia de medio ambiente”, apunta o concelleiro nacionalista.

“O goberno municipal do PP”, explica Xosé Magariños, “ten que facer unha ampla campaña informativa sobre os problemas medio ambientais que xeran os vertedoiros incontrolados, mais tamén dos seus perigos que teñen para as persoas”. “Así”, engadiu o concelleiro do BNG, “non hai moitos meses veciños e veciñas de Santo André alertaban da existencia dun porco morto a escasos metros da estrada que vai de Portela a Souto de Vea”.

“Mais esta campaña informativa”, indica Magariños, “ten que abarcar tamén ao punto limpo, o concello ten que informar máis e mellor sobre os horarios de atendemento ao público, e se é necesario ampliar o horario para que facilitar que os veciños e veciñas poidan deixar alí o lixo”.

O BNG insiste que non son casos illados, “temos un verdadeiro problema e o concello está de brazos cruzados a pesar das advertencias e avisos”. “Instamos ao alcalde”, engade Magariños, “a tomar en serio a política medio ambiental, a loita contra as emisións de CO2 non consiste en facer un vídeo para unha ONG, senón tamén en recoller e lixo e limpar os vertedoiros incontrolados”.