O BNG presenta unha moción para impulsar a Cidade do Moble paralizada pola Xunta


Plano da Cidade do Móbel

Plano da Cidade do Móbel

Xosé Magariños: “O PP e o resto dos partidos políticos teñen que aclarar se apostan ou non pola creación de emprego na Estrada, a Cidade do Moble non pode quedar outro anos co marcador a cero nos orzamentos da Xunta”

O BNG da Estrada presentou na mañá de hoxe unha serie de iniciativas para impulsar a Cidade do Moble.

Xosé Magariños explicou que “estamos ás portas de que o Goberno galego presente uns novos orzamentos da Xunta de 2019 e desta volta a Cidade do Moble non pode quedar co marcador a cero como ven acontecendo desde que o PP dirixe a administración autonómica”.

O concelleiro nacionalista indicou que “é a hora de aclarar se o PP aposta ou non pola creación de emprego na Estrada, é hora de saber se o goberno local aposta polo polígono sectorial da madeira e por proporcionar servizos a todas as empresas situadas en Lagartóns, que en algún caso as empresas vense imposibilitadas para poder medrar polas limitacións urbanísticas que impón a parálise da Xunta”.

“Xa non valen as medias tintas”, afirmou o concelleiro do BNG, “A Estrada perdeu moito tempo en que podía ser referente do sector da madeira e por enriba son moitos veciños e veciñas de Lagartóns que pagaron un alto prezo na contribución duns terreos catalogados como industriais que hoxe por hoxe non son tal pola parálise da Xunta de Galiza e pola falta de peso político do PP e, en concreto, do alcalde, José López”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “anunciou a presentación dunha moción para que o pleno do concello da Estrada inste á Xunta de Galiza a dotar de orzamento suficiente en 2019 para que dean comezo as obras do polígono sectorial da Cidade do Moble.”