O BNG esixe ao goberno do PP un plan para sinalar correctamente os núcleos e parroquias do concello


Ramiráns

Un cruce sen sinalizar (Ramiráns, Santo André de Vea)

Calquera que faga un percorrido polo rural do noso concello pode comprobar como hai lugares nos que calquera pode sentirse desorientado, cal se estivese en terra de ningures. Non existe en moitos casos sinalización algunha que permita saber en que lugar da parroquia nos atopamos ou onde atopar os centos de núcleos de poboación do concello da Estrada.

Para o BNG isto significa unha proba máis do desleixo do goberno do PP cara o rural estradense. Xa non é unha cuestión exclusivamente de situación e localización, aspecto importantísimo, por suposto, senón que tamén supón unha falla de preocupación polos elementos tradicionais identificativos que conforman o patrimonio cultural do noso país, uns elementos coma no caso dos topónimos, deberían ser protexidos e facelos visibles, evitando o seu esquecemento e mesmo desaparición.

Tamén chama a atención a falla de sinalización dos elementos patrimoniais, como poden ser a Torre de Guimarei e a ponte medieval de Pontevea, por citar, dous dos máis senlleiros.

Desde o BNG cremos que sinalar os nosos lugares e parroquias non é un imposíbel, a pesar do seu elevando número. En concellos da nosa contorna, e sobran exemplos de todas as cores políticas, os lugares e parroquias están perfectamente sinalados permitindo ás persoas que non son do concello atopalos sen maior problema.

Instamos ao goberno do PP a que acometa un plan de sinalización de todos os núcleos de poboación do concello, un plan que se pode acometer en varias anualidades até facer posíbel o que hoxe é unha realidade, que ninguén se perda no noso concello.