O BNG pon en evidencia as deficiencias na recollida do lixo e as condicións e instalacións dos contedores


Santo André de Vea (A Ribeira)Insta ao goberno do PP lle dea unha solución.

O BNG, insistindo por enésima vez na falla de implicación do alcalde da Estrada e do seu goberno cos veciños e veciñas do rural, denuncia as deficiencias que segue habendo no servizo de recollida do lixo e nas infraestruturas precisas para levalo a cabo.

En moitos puntos do rural non existen contedores amarelos. Mal se pode facer así unha recollida selectiva de residuos acorde aos estándares medioambientais actuais. Pero tamén se dan outras circunstancias cando menos curiosas: hai lugares e parroquias nas que os contedores están colocados nunha base de cemento, mentres que noutros sitios están deixados á deriva, como se a alguén lle caesen do camión. A maioría non teñen ningún soporte que impida que con vento ou outras continxencias se despracen do sitio.

Tamén desde o BNG temos que instar ao actual goberno a que resolva a situación da veciñanza dalgún lugar moi próximo a algún establecemento hostaleiro, no que despois de celebrar banquetes e similares na fin de semana, a recollida non se fai ata pasados varios días, cos inconvenientes de insalubridade que esta circunstancia leva consigo.

En definitiva, o BNG insiste ao actual goberno do PP que deixe de mirar exclusivamente para as obras urbanas para a galería e que dunha vez por todas se comprometa tamén cos veciños e veciñas que viven no rural, que supón máis da metade da poboación da Estrada.