O goberno do PP presenta unha conta xeral enganosa ao reducir os investimentos propios un 4% respecto de 2016


eurosO goberno de López deixou sen executar o 66,5% do presuposto de 2017

Desde o BNG poñemos en evidencia a enganosa estratexia do goberno do PP presentando como un logro diante da cidadanía o balance económico do ano 2016, cando do que se trata é dun aforro por redución da inversión.

A conta xeral do 2017 ven corroborar o que desde o BNG vimos denunciando ao longo do mandato do PP; a conta demostra o desaxuste que se produce entre os ingresos e os gastos, desaxuste que o goberno de López é incapaz de corrixir. Do único que poden presumir é do incremento de patrimonio que supón a adquisición dos terreos da Alameda.

Os datos da conta mostran como o gasto corrente se incrementa nun 7,3% mentres que os ingresos propios redúcense. Esta liña ven continuada nos últimos anos de xestión económica municipal limita a capacidade inversora do concello con fondos propios, que ademais se reduce nun 4% con respecto ao 2016.

Desde o BNG consideramos que unha das causas desta situación é a inacción do goberno do PP na xestión urbanística, deixando o desenvolvemento do PXOM exclusivamente en mans da iniciativa privada, que evidentemente mira polos seus intereses e non polos da veciñanza. Desta maneira o PP renega da súa obriga de facer prevalecer o interese público. Esta política reflíctese na redución continuada dos ingresos por impostos sobre a construción, que no ano 2017 foi de 61.700 € fronte a unhas previsións no orzamento de 105.000 €, un 41% menos.

Este déficit de inversión materialízase en cifras como unha redución dun 4,6%nos apartados que se refiren a subvencións a cultura, deporte e gasto social, capítulo 4; se a isto se lle engade a falla de inversión no mantemento da maioría das infraestruturas do concello, atopamos o remanente de tesourería do que tanto presume o PP. Se non se gasta evidentemente quedan cartos.

Outra mostra da inoperancia e ocultismo cos que actúa este goberno compróbase no desenvolvemento dos investimentos; aquí vemos que deixaron sen executar o 66,5% do presupostado, o que mostra un déficit moi importante na xestión municipal deste goberno; ademais a maioría das obras que se proxectan incorpóranse unha vez aprobado o orzamento e realízanse pola modalidade de contratación sen publicidade, furtándolle desta maneira aos grupos da oposición a posibilidade de opinar sobre as prioridades nos investimentos, feito que levamos denunciado sempre no debate dos orzamentos.

Polo que respecta ás aportacións doutras administracións, que son as que realmente están realizando inversións no noso concello, vemos coo a Deputación aporta 1.090.000 € fronte aos 331.000 € da Xunta, proba de que non son os “gobernos amigos” de López os que máis se implican poñendo cartos para paliar a baixa capacidade inversora do concello estradense.