Se hai persoas na Estrada que buscan comida no lixo, a concellaría de servizos sociais non está a facer ben o traballo


IMG-20180808-WA0001.jpgXosé Magariños: “propoñemos unha Prestación económica Municipal dirixida a paliar con rapidez situacións derivadas da carencia de recursos económicos”

“Se hai veciños e veciñas da Estrada que teñen que acudir aos contedores de lixo para buscar alimentos é evidente que a concellaría de servizos sociais non está a facer ben o seu traballo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“Non é de recibo que haxa persoas que busquen non lixo alimento mentres o goberno do PP gasta 3 millóns de euros nunha ampliación da Alameda que non necesitamos”, afirmou Magariños, “é evidente que hai necesidades máis urxentes e o goberno municipal ten que cubrir esas necesidades.”

“Desde o BNG instamos á concellaría de servizos sociais ten que facer un censo de familias e persoas en risco de exclusión social para informar das axudas existentes”. “Entre elas”, engade Magariños, “propoñemos unha Prestación económica Municipal dirixida a paliar con rapidez situacións derivadas da carencia de recursos económicos (emerxencia social, saúde, vivenda, etc.) para o que se aprobará un regulamento no que se establezan as tipoloxías, requisitos, procedemento de solicitude e tramitación, etc.” “O goberno do PP non poderá presumir de Alameda nova mentres haxa xente remexendo no lixo para comer,” afirmou o concelleiro nacionalista.

Esta información recollida en algún medio de comunicación social tamén pon en evidencia, segundo indica o concelleiro nacionalista, “a inexistente política económica do goberno do PP, que en todo o tempo que leva gobernando foi incapaz de incrementar o solo público industrial ou o de poñer en marcha a Cidade do Moble, mecanismos clave para a dinamización económica e a creación de emprego”.

“Mais”, engadiu Magariños, “o goberno do PP a súa única política é a da propaganda, a de facer anuncios que de momento no se concretaron (Mercadona), e en deixar en mans privadas o desenvolvemento urbanístico do concello, unha das ferramentas clave para dinamizar economicamente o noso concello”.

“A falla desta política económica tamén se deixa sentir no comercio local, como denunciamos hai poucas semanas”, afirmou Magariños, “que haxa tantos baixos comerciais en alugar denota unha profunda crise económica que o PP non quere ver, e o que é peor, á que non quere atallar”.